0 Gardados para despois

A recesión de Portugal será máis acusada este trimestre que antes do rescate

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


O Goberno de Portugal tomou notas e puxo en marcha, tras o rescate, todas as medidas que lle foron esixidas por parte da Comisión Europea, o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Central Europeo (BCE). A caída do gasto público foi a principal tarefa que se lle encomendou a Pedro Passos Coelho, e o fixo significativamente ben (incluso recortou máis empregados públicos dos que lle pedira a troika). Pero o rescate, caro en tipos de xuro, tamén pode que o sexa en custo macroeconómico e social. A Comisión Europea vén de prognosticar unha recesión do 3,3% para finais de ano, tras facer unha revisión á baixa de tres décimas respecto da anterior previsión oficial.

Esta caída da actividade é a maior rexistrada en Portugal desde o inicio da crise, e unha recesión máis profunda que a que experimentara o país veciño antes de seren rescatado. Este primeiro trimestre, se se cumpren as estimacións oficiais, será o máis complexo para os portugueses cunha caída do 1,5% do Produto Interior Bruto (PIB). É a mesma taxa de contración da actividade que a que se rexistrou en todo 2011, en valores interanuais. Dáse a circunstancia de que o consumo privado medrou no último tramo de 2011, dato que os analistas da CE relacionan directamente cunha caída da renda dos portugueses. Os cidadáns botan man dos aforros "para comensar a forte caída de ingresos", apuntan os expertos. En 2012 non se dará esa circunstancia xa que se espera un incremento do desemprego e a recuperación da taxa de aforro dos fogares.

Exportacións e recesión europea

O único factor de crecemento da economía española desde o comezo da crise foi o sector exterior. A demanda externa, menos afectada polo colapso global, seguiu contribuíndo durante varios trimestres a que a recaída na recesión fose un obstáculo máis ou menos salvado. Pero coa caída de actividade dos países do entorno as exportacións tamén se resinten, tanto no caso europeo como dos países en desenvolvemento. En Portugal sucede o mesmo que en España neste sentido, e a corrección das perspectivas de crecemento se fixo a causa do empeoramento do clima comercial da zona euro.

 

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.