Pemex tamén nega en México que vaia construír remolcadores en Galicia

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

As dúbidas sobre os acordos entre Pemex e o Goberno galego volven irromper na carreira electoral. Logo da polémica xurdida sobre a construción de dous buques hoteis nos estaleiros galegos, que finalmente quedan a expensas de que a petroleira estatal escolla a oferta que lle fará a súa filial PMI en colaboración con Barreras e Navantia, a construción dos remolcadores que prometeu a Xunta volve quedar no aire.

A Xunta prevé anunciar dous remolcadores para Galicia na campaña, pero a presión dos armadores mexicanos a Pemex está poñendo atrancos nun acordo xa pechado

A intención do Executivo galego, tal e como adiantou Praza, é anunciar o encargo de dous remolcadores por parte da petroleira mexicana Pemex para os estaleiros galegos nos vindeiros días. Segundo fontes coñecedoras da negociación, o acordo para a construción en Galicia destes dous buques está xa pechado e serviría para devolver as esperanzas ao sector naval no país e, de paso, contestar así as dúbidas xurdidas en canto aos floteis e á ausencia de partidas orzamentarias para o dique flotante na ría de Ferrol, a gran reivindicación desde  hai tempo dos traballadores, que protestaron no inicio da campaña en Ferrol nunha manifestación que acabou en incidentes.

No entanto, e tal e como advertía Praza, os atrancos a este acordo poderían chegar de novo desde México, neste caso polas advertencias dos armadores do país azteca. A Cámara Mexicana del Transporte Marítimo asegurou en declaracións a varios medios que "Pemex xa desbotou adquirir os 14 remolcadores en España" e presiona con forza, tanto que algún dos seus asociados reclama por carta ao Goberno de México que "cancele" estes contratos coa Xunta.

Un directivo de Pemex responde a un armador que pediu a cancelación do acordo coa Xunta dicindo que ese convenio "é inexistente"

De feito, Praza tivo acceso a unha carta na que un directivo de Pemex nega a un dos armadores preocupados polo acordo que os remolcadores pactados no memorándum de colaboración entre a petroleira e a Xunta se vaian construír en Galicia, malia que iso foi o que afirmou a firma azteca hai pouco nun comunicado oficial "sempre que se dean condicións de calidade, prezo e oportunidade".

Na carta, datada no pasado 21 de agosto, Francisco Fernández Lagos, subdirector de distribución de Pemex Refinación, asegúralle ao armador interesado que o devandito convenio "é inexistente". "Permítome comentarlle que a Subdirección de Distribución de Pemex-Refinación (...) non ten celebrado convenio de construción ningún, polo que o convenio ao que vostede alude resulta inexistente", dille a este empresario, que enviara unha carta ao presidente de México para informarse sobre os contratos coa Xunta.

Así, a misiva chega en contestación á solicitude deste armador "ao titular do Executivo federal da cancelación dun suposto convenio mediante o cal, segundo o seu dito, construiranse 14 remolcadores para Pemex nos estaleiros da rexión de Galicia en España".

"Neste sentido, é importante sinalar que a construción de 14 remolcadores de para Petróleos Mexicanos e/ou Pemex Refinación, dependendo da súa cantidade e alcance, constituiría un proxecto susceptible de ser aprobado por distintas instancias da Administración, cuxa implementación conduciríase polo novo réxime de contratación para actividades substantivas de carácter produtivo previsto na Lei de Petróleos Mexicanos", asegura o directivo de Pemex, que aclara que ese acordo entre a petroleira e a Xunta debe ser ratificado por distintos departamentos da Admnistración azteca.

Esta carta foi remitida tres meses despois da sinatura do memorándum de entendemento de colaboración entre Xunta e Pemex en maio, pero máis dun mes despois de que a petroleira mexicana intentase aclarar os acordos co Goberno galego nun comunicado oficial no que se aclaraban os contratos asinados en Santiago de Compostela.

Armadores e estaleiros mexicanos están a intentar "boicotear" o acordo entre a Xunta e Pemex

Tal e como aseguran varios diarios mexicanos, o enfado dos armadores e estaleiros mexicanos provoca que moitos deles intenten poñer atrancos no acordo entre Pemex, a Xunta e as empresas galegas, máis aínda tendo en conta que o vindeiro 1 de decembro asumirá o poder o PRI, vencedor nas últimas eleccións, partido que será tamén quen decida sobre as novas contratacións da petroleira. Hai quen fala incluso dun "boicot" ao pacto co Goberno galego promovido polo grupo TMM.

Mentres en Galicia a oposición pide a Feijóo que resolva as dúbidas ensinando os contratos, en México as información van no camiño contrario, moitas delas acusando a Pemex de negar os acordos coa Xunta para evitar o rexeitamento das grandes compañías mexicanas, tanto dos armadores como dos estaleiros. O caso é que a petroleira estatal terá que aclarar moitas cousas. En Galicia e no seu propio país.

Carta dun directivo de Pemex a un armador mexicano Dominio Público Praza Pública
Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.