O PP admite no seu programa que os remolcadores de Pemex aínda se están "a negociar"

Treito do programa do PP coas referencias a Pemex © PPdeG

"Agora está nas mans dos estaleiros galegos responder en calidade e prezo ás esixencias dunha das catro maiores petroleiras do mundo". O pasado 24 de maio o presidente da Xunta e actual candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, pronunciábase deste xeito nun acto solemne celebrado no salón nobre do Pazo de Raxoi. Ante diversos empresarios do naval galego, ao carón do director xeral da petroleira mexicana Pemex, Juan José Suárez Coppel, e coas cámaras da TVG en directo, Feijóo anunciaba a sinatura dunha "alianza estratéxica" coa empresa que suporía a construción en estaleiros do país de sete remolcadores para a flota menor da compañía, así como a participación noutros sete máis. As contas soaban máis que ben para aliviar os males dun sector en fonda crise: 310 millóns de dólares -uns 247 millóns de euros-, "máis de 2,6 millóns de horas de traballo" e 2.500 empregos "entre directos e indirectos, na industria auxiliar", resumía.

Cinco meses e moitos máis avatares despois o contido dos documentos asinados naquel acto segue a ser unha incógnita -a Xunta non o fixo público malia ás reiteradas peticións do sector e tamén de PSdeG e BNG a través das canles parlamentarias- e parte da súa tradución práctica semella que tamén. Mentres Pemex continúa a asegurar que a construción de dous buques hotel en Galicia aínda non está pechada, agora é un actor inesperado, o PP, quen admite que a contratación dos remolcadores tampouco está feita. Ao contrario da instalación da petroleira no porto exterior da Coruña, tamén anunciada naquel acto e que semella avanzar, no caso dos remolcadores os conservadores recoñecen que os encargos aínda non son unha realidade inamovible.

Feijóo asegurou que os remolcadores deixarían en Galicia un investimento de 310 millóns de dólares e 2.500 empregos

Fano no programa electoral co que concorren ás eleccións do 21 de outubro, no que dedican unha páxina a describir o "intenso traballo liderado polo presidente da Xunta" para a sinatura do "acordo de colaboración" con Pemex. Neste documento descríbese que a multinacional "xa está tramitando a concesión de terreos no porto exterior da Coruña" e dáse por seguro que PMI -empresa subsidiaria de Pemex- "asinou senllos contratos para a construción de dous floteis" en Barreras e Navantia. Máis cautelas se amosan ao falar dos remolcadores, dos que tampouco se refire a cantidade concreta: "a petroleira mexicana está a negociar cos estaleiros galegos a contratación de varios remolcadores no marco da renovación da súa flota menor", di.

Neste contexto, a menos de dúas semanas da cita coas urnas semella que as incertezas seguirán a dominar esta cuestión. Así e todo, o programa dos conservadores inclúe tamén o compromiso de "intensificar o traballo con Pemex para profundizar no alcance e contido da alianza estratéxica", "tanto no que se refire á colaboración de Galicia no proceso de renovación da súa flota como na súa presenza e operativa no porto de punta Langosteira".

Feijóo, con directivos de Pemex no balcón do Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.