0 Gardados para despois

A Xunta deixa aberta a porta á forestación de terreos agrícolas

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


A Lei de Montes de Galicia apróbase para regular unha actividade que xenera o 3,5% do Produto Interior Bruto (PIB) de Galicia, de xeito que se poida aproveitar mellor. Así a entende, polo menos, a Xunta de Galicia, que introduciu notables variacións no anteproxecto debido á presión de colectivos sociais, organizacións agrarias ou sindicais. Non obstante, segue aberta a fiestra para a forestación de terreos agrícolas. Iso si, os terreos en man común recuperan a súa condición de inalienables, algo que non estaba incluído no primeiro borrador da lei. A Xunta rebaixará, asimesmo, a distancia mínima entre o monte e as vivendas, lugares de acampada ou instalacións empresariais.

O Goberno galego entende esta lei como como unha vía legal que vai servir “para sacar o máximo partido económico e social” aos montes galegos. “Despois de décadas sen desenvolvemento normativo propio, hoxe estamos cumprindo o obxectivo de lexislatura de presentar o primeiro texto dunha lei de montes que entrará no Parlamento”, dixo o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao remate do Consello da Xunta. Para el é “unha fonte de riqueza e de oportunidades” e non "unha fonte de problemas". Dentro desas oportunidades está a da forestación, algo ao que se opoñen frontalmente desde o Sindicato Labrego, que emitiu un voto particular ao ditame do Consello Económico e Social sobre este mesmo marco normativo.

Hai 500.000 hectáreas abandonadas en Galicia. E non como pasto para as vacas, senón para "o lume" e a forestación

Iso si, estará limitado (sempre e cando se respecte o negociado co sector e a lei inclúa a versión do último anteproxecto, do mes de novembro). A versión inicial, que foi sobre a cal a CIG emitiu un voto particular no CES, dicía o seguinte sobre a posibilidade de forestar terreos agrícolas (art. 61): "Só" se poderán forestar "os terreos agrícolas que non formen parte dun banco de terras agrarias ou instrumento semellante". A este respecto, e tal e como aparecía no anteproxecto, o artigo 62 falaba de "forestacións [...] en solo rústico de especial protección agropecuaria". Estas "requirirán autorización da Administración forestal, previo informe preceptivo e vinculante da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia agropecuaria".

A Xunta rebaixará a distancia mínima entre o monte e as vivendas, lugares de acampada ou instalacións empresariais

O cambio introduciuse no artigo 61 do anteproxecto, agora lei. "Somentes os terreos rústicos de uso agrícola en estado de manifesto abandono e que estiveran adscritos a un banco de terras agrarias ou instrumento semellante por un período de polo menos dous anos, poderán forestarse previa comunicación á Administración forestal". Esta nova consideración, introducida posteriormente, non contenta a todos os sectores. Os sindicatos do agro insisten en que a forestación non é unha boa opción, máis tendo en conta que se importan anualmente 600 millóns en alimentos ou que se perderon 15.000 empregos desta área do primeiro sector. Pero, sobre todo, que hai 500.000 hectáreas abandonadas en Galicia. E non como pasto para as vacas, senón para "o lume" (como pensan en UUAA ou no SLG) e, agora, para a plantación de árbores.

As plantacións para froito de nogueiras, cerdeiras, castiñeiros ou "especies semellantes", non se considerarán como forestacións e, polo tanto, "non suporán un cambio de actividade independentemente se realicen nun terreo forestal ou agrícola", inclúe a norma.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Man común

Segundo constaba no anteproxecto, "os montes veciñais en man común son montes privados, de natureza especial, que pertencen colectivamente, e sen atribución de cotas, ás respectivas comunidades veciñais propietarias". Para o sector a denominación destes terreos como de "natureza especial", un termo "demasiado indefinido, permitía a desnaturalización dos mesmos, "cando non de provocar a súa desaparición". Non se incluía dentro dos terreos de man común a condición de "inalienables, imprescritibles, indivisibles e inembargables", que se reservaba unicamente para os montes de dominio público.

"Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables"

Houbo un cambio ao respecto despois, tamén, de numerosas alegacións presentadas á extinta Consellería do Medio Rural. A lei queda así: "Os montes veciñais en man común son bens indivisibles, inalienables, imprescriptibles e inembargables". E engade que "as comunidades de montes veciñais en man común terán plena capacidade xurídica para a realización de actos ou negocios xurídicos vinculados á xestión e defensa dos recursos forestais do seu monte".

Menos distancia

A Lei de Montes vén de modificar o marco normativo impulsado polo bipartito, que estipulara que a distancia entre o monte e o solo urbanizado ou industrial. Para a conselleira do Medio Rural e Mar, Rosa Quintana, a anterior lei era "confusa". Agora redúcese á metade esa distancia, que pasará aos 30 metros no caso de colindar con vivendas e demais solo urbanizable. No caso de gasolineiras e outras instalacións industriais que teñan un risco de prender lume, a distancia pasa dos cen aos 50 metros.

"Pretendemos reducir o número de incendios", dixo Rosa Quintana. "Pero hai un tema moi importante na lei de 2007, porque establece faixas de prevención e esquece as parcelas de propietarios descoñecidos e de quen é a responsabilidade de limpar esas faixas", engadiu tras o Consello.