Milleiros de persoas rexeitan nas rúas galegas os recortes nos servizos públicos

A manifestación, na Coruña © CIG

As manifestacións unitarias, convocadas por CIG, UGT, CC.OO. e CSI-CSIF, co apoio de CGT, USO, Satse e SAE, reuniron  máis de 6.000 persoas en Vigo e Coruña, 5.000 en Ferrol, e cifras menores, aínda que importantes, nas outras catro cidades. Todas as marchas estaban encabezadas por unha faixa co lema "En defensa dos servizos públicos: non aos recortes". Os manifestantes protestaban contra as medidas do Goberno galego que afectan de forma directa aos empregados públicos, como a rebaixa das retribucións que percibirán os traballadores de baixa e a posibilidade de rebaixar até nun terzo a xornada do persoal interino e temporal.

Así mesmo, a CIG critica tamén a urxencia coa que o Goberno do PP está tramitando o Proxecto de Lei, xa que vulnera a lexislación que obriga á Xunta a someter este tipo de decisións ao ditame do Consello Económico e Social. Segundo o sindicato nacionalista, "o persoal do sector público considera que é inadmisíbel facer recaer o custo da crise sobre as traballadoras e traballadores, que xa sufriron, nos tres últimos anos, unha diminución do seu salario real do 13% e una importante perda de dereitos, alén dunha moi baixa taxa de reposición e una redución do emprego público, pola vía das interinidades e substitucións".

Os sindicatos chamaron a concentrarse o vindeiro martes 28 ante o Parlamento de Galicia, a partir das dez da mañá

Os sindicatos aproveitaron a xornada de protestas deste xoves para chamar tamén a concentrarse o vindeiro martes, 28 de febreiro, ante o Parlamento de Galicia, desde as 10.00 horas, para cando está previsto que sexa aprobado en pleno o anteproxecto de medidas no emprego público. Ademais, empregados públicos da Xunta presentaron unha denuncia ante a Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a disposición incluída na Lei de Medidas Temporais non Emprego Público pola que se reduce o complemento que recibirán os traballadores que estean de baixa laboral. Segundo a demanda, presentada polo Coletivo do Sector Público Galego, esta medida "vulnera a lei estatal".

 

 

Máis de vinte mil persoas nas manifestacións e concentracións

A marcha máis numerosa foi a que percorreu as rúas da Coruña, dende a praza de Ourense até a de Pontevedra, na que participaron máis de seis mil persoas, de xeito que cando a cabeza da marcha xa chegara ao seu fin, a cola aínda non puidera arrincar do seu comezo. Entres as consignas de rexeitamento aos axustes que afectarán os empregados públicos, como "a Xunta de Galicia, recorta e privatiza" ou "menos asesores e máis traballadores", puideron escoitarse outras en contra da reforma laboral do Goberno central.

A Coruña, Vigo e Ferrol foron as marchas máis numerosas

En Vigo unha cifra semellante de manifestantes percorreu as rúas entre o MARCO, en Príncipe, e Concepción Arenal, coreando lemas como "ao público, servizo; ao privado, beneficio", "non máis recortes"; "eu non me levei o diñeiro"; "nós non roubamos, só traballamos" ou "Feijóo, o teu soldo quero eu". A manifestación concluíu coa lectura dun manifesto ante o edificio da Xunta a cargo de Antón Seoane, integrante de Milladoiro, ademais de médico. No texto, Seoane denunciou o "ataque brutal" dos recortes, que cualificou de "serio retroceso nos dereitos laborais" e unha "degradación" do servizo. "Rexeitamos todas e cada unha das medidas propostas", concluíu Seoane, para quen a Xunta "aproveita a escusa da crise" para acometer reformas "estruturais". 

En Ferrol tamén foron máis de cinco mil persoas as que saíron á rúa contra as medidas anunciadas polo Goberno galego. A marcha partiu do edificio administrativo da Xunta, na Praza de España e percorreu as rúas do centro para chegar á Praza de Armas. Os lemas dos manifestantes dirixíronse contra o presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejióo: “Frijol, cretino, traballa de interino” ou “Feijoó, cala, mintes máis que falas”. Representantes dos sindicatos que convocaron a manifestación leron un manifiesto contra o anteproxecto de lei de medidas no emprego público que se pretende aprobar nos vindeiros días. As medidas propostas no documento supoñen “un ataque brutal e inxustificado, dirixido unha vez máis ao conxunto dos empregados públicos, medidas que, de aplicarse, condicionarán aínda máis o futuro dos servizos públicos en Galicia”. 

Finalmente, en Compostela manifestáronse ao redor dun milleiro de persoas, que partiron da Praza do Toural e percorreron as rúas compostelás até chegar á Praza de Cervantes, tras unha pancarta con lemas en defensa dos servizos públicos. Entre os asistentes, estiveron o deputado do PSdeG Luís Toxo e a voceira parlamentaria do BNG, Ana Pontón.

Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.