Pemex insiste en que decidirá en 2013 se constrúe os barcos en Galicia

Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Mentres estaleiros, Xunta e Estado confirman que os contratos con Pemex para construír dous buques hoteis en Galicia son "firmes". Mentres informacións en México falan de que o acordo chega tras un pacto político levado a cabo hai cinco anos no paíz azteca entre o Executivo e empresarios galegos. Mentres a oposición segue dubidando en Galicia duns acordos que non se ensinan porque disque son confidenciais. Mentres todo isto pasa, a petroleira mexicana insiste en que a decisión sobre a construción deses floteis en Barreras e Navantia non está tomada e que se decidirá "probablemente despois de decembro".

Así o asegura o director de Pemex Exploración y Producción (PEP), Carlos Morales Gil, que asegura que a compañía licitará como moi tarde nos dous primeiros meses de 2013 o servizo de floteis para Pemex. "Poderiamos telo listo en decembro, pero o máis probable é que sexa despois", asegurou nunha entrevista en El Universal, tras aclarar que durante o mes de setembro iniciouse unha consulta para comprobar e verificar os custos e prezos dos servizos de buques hotel que existen no mundo.

Pemex convidou a 21 empresas a participar na licitación, unha delas PMI, que asinou o acordo cos estaleiros galegos

Segundo a información,  nesta cotización convidouse a 21 empresas diferentes a que fixeran as súas propostas, aínda que houbo varias que non responderon. "Mentres en España dan por feito que Pemex vai comprar dous floteis, en México Morales Gil explicou que apenas preparan unha licitación para obter este servizo", aclara a nova. O director de PEP engade, ademais, que PMI, filial de Pemex, buscou un socio nos estaleiros galegos, cos que asinou un acordo para poder participar nun concurso que non estará listo até o ano que vén. "Iso non significa que desde agora xa se vaian comprar eses floteis".

Tal e como insiste Morales Gil, o acordo dos estaleiros galegos é con PMI España, que será "un participante máis na licitación que se fará para a contratación de servizo e para a cal se fixo todo un proceso global de cotizacións". O proceso, tal e como se explica, deberá de contar coa autorización do Comité de Adquisicións, Arrendamientos, Obras y Servicios e do Comité de Estratexias e Investimentos. 

Ao tempo, estaleiros e Xunta insisten en que todo está pechado e especifican incluso os traballos que se están a realizar xa para ir adiantando o traballo que terán a levar a cabo tanto Barreras como Navantia. Nin tan sequera se menciona xa a posibilidade -como se dixera ao principio- de que a filial PMI acabe encargando os buques de xeito individual e os arrende ou venda logo a outro cliente se non gaña o concurso de Pemex.

"Os contratos non teñen volta atrás. Non me ocupan nin me preocupan", di Feijóo

Este mesmo xoves, o presidente do Goberno galego, Núñez Feijóo, insistiu no Consello da Xunta que "os estaleiros xa están empezando a conretar e a falar". "Escoito todos os días algunha manifestación dos directivos dos estaleiros que están concretando que eses contratos se están executando conforme ao previsto", di o xefe do Executivo, que insiste en que "houbo reunións en México para concretar as especificacións técnicas antes de cortar chapa". "Eses contratos non teñen volta atrás. Non me ocupan nin me preocupan", confirma.

Carlos Morales Gil, director de Pemex Exploración y Producción © El Regional de Veracruz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.