CxG denuncia que Pemex esixe a cesión de parte do Porto Exterior a cambio de encargar os floteis

Feijóo, con directivos de Pemex no balcón do Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Compromiso por Galicia denuncia que o Goberno galego e Pemex están negociando unha serie de contrapartidas a cambio de confirmar a concesión definitiva dos contratos de construción de buques hotel nos estaleiros galegos. En concreto, a formación galeguista afirma que Pemex e o Goberno mexicano esixen como contrapartida para seleccionar a oferta dos estaleiros galegos a cesión do depósito máis significativo de produtos petrolíferos do futuro porto exterior da Coruña, "o que lle daría un control determinante como un dos principais operadores", segundo CxG, "cunha capacidade especulativa moi valiosa a respecto do seu negocio cara a Europa nesta instalación, chamada a ser o motor económico da Coruña e a súa comarca".

CxG esíxelle a Feijoo que "explique as condicións pactadas até agora" e que "confirme que cesións está disposto a realizar en contrapartida a estes posíbeis e non seguros contratos". Compromiso considera que "a potencialidade das futuras instalacións petrolíferas do porto exterior coruñés merecen moitas contrapartidas para o noso sector naval". E acusa Feijóo de que "non aclara quen gaña en toda esta operación nin explica cál é o inmenso valor que o porto exterior da Coruña achega para calquera operador petrolífero".

CxG esíxelle a Feijoo que "explique as condicións pactadas até agora" e que "confirme que cesións está disposto a realizar en contrapartida a estes posíbeis e non seguros contratos"

Este mesmo xoves, a petroleira mexicana insistiu unha vez máis en que a decisión sobre a construción deses floteis en Barreras e Navantia non está tomada e que se decidirá "probablemente despois de decembro". Asegurouno o director de Pemex Exploración y Producción (PEP), Carlos Morales Gil, que reafirmoi que a compañía licitará como moi tarde nos dous primeiros meses de 2013 o servizo de floteis para Pemex. "Poderiamos telo listo en decembro, pero o máis probable é que sexa despois", asegurou nunha entrevista en El Universal.

Nesta cotización convidouse 21 empresas diferentes a que fixeran as súas propostas, aínda que houbo varias que non responderon. "Mentres en España dan por feito que Pemex vai comprar dous floteis, en México Morales Gil explicou que apenas preparan unha licitación para obter este servizo", aclara a nova. O director de PEP engade ademais que PMI, filial de Pemex, buscou un socio nos estaleiros galegos, cos que asinou un acordo para poder participar nun concurso que non estará listo até o ano que vén. "Iso non significa que desde agora xa se vaian comprar eses floteis". Tal e como insiste Morales Gil, o acordo dos estaleiros galegos é con PMI España, que será "un participante máis na licitación que se fará para a contratación de servizo e para a cal se fixo todo un proceso global de cotizacións".

2 de abril, de visita no porto exterior da Coruña © Xunta
Instalacións de Pemex © Iberorusa.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.