0 Gardados para despois

A Xunta recorrerá no TC a suspensión de axudas ás renovables que decretou Rajoy

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O que con Zapatero era unha constante con Rajoy é unha novidade presentada con moita máis suavidade pero, en definitiva, presentada. A Xunta levará ante o Tribunal Constitucional o Real Decreto a través do cal o Goberno central suspendeu ata novo aviso o sistema de primas para as enerxías renovables, isto é, as subvencións para as novas instalacións de produción de electricidade a partir de, por exemplo, enerxía eólica ou solar, entre outras. O presidente en funcións, Alberto Núñez Feijóo, anuncia esta decisión máis de catro meses despois de que, o pasado abril, os Executivos central e galego sentasen á mesma mesa para negociar a cuestión e rematasen sen acordo. Dende Santiago reclámase que a suspensión non sexa xenérica, senón que se mire caso por caso e, sobre todo, "a eficiencia" de cada tipo de enerxía.

Aínda que o recurso aínda non foi executado formalmente -pasou polo Consello da Xunta a través dun informe, isto é, sen validez legal- Feijóo anuncia a súa inmediata presentación sustentada nunha posible invasión de competencias xa que "o grao de incerteza" aberto polo gabinete de Rajoy "impide o exercicio das actividades de planificación" da produción enerxética, neste caso da éolica, "que son competencia da comunidade autónoma". Así é todo, o líder popular evita neste caso os cualificativos usualmente empregados á hora de presentar estes recursos ante o Goberno do PSOE, acusado recorrentemente dende San Caetano de "deslealdade" ou de "atacar o autogoberno" de Galicia. Neste caso, apunta, trátase de "discrepanciais cordiais".

Segundo a Xunta o Goberno central "atenta contra a seguridade xurídica, xera incerteza e afecta o lexítimo e pacífico exercicio das competencias"

Sexa como for, o certo é que o Goberno galego do PP leva á Xustiza ao Goberno español do PP e faino por razóns "xurídicas" e "económicas". "Pensamos que afecta á seguridade xurídica", porque deixa "na indefinición o réxime de primas por un tempo indefinido" e ademais, di Feijó, faino xenericamente, ata o punto de que na exposición de motivos do decreto "se alude a sectores como o fotovoltaico e non á enerxía eólcia, pero suspende tamén as primas eólicas". "É certo que existía un marco económico excesivamente atractivo" para "instalacións pouco eficientes", engade, como no caso de empresas que desenvolveron a fotovoltaica e a termosolar "vivindo practicamente da subvención". "Coincidimos en que as primas indiscriminadas non son razoables, pero hai que facer unha selección máis fina das enerxías que seguen tendo utilidade" e, como a eólica en Galicia, sostén, resultan "moi eficientes".

Dende a Consellería de Industria, encargada de levar adiante o recurso, advírtese que o Goberno galego non está de acordo co fondo pero tampouco coa forma, isto é, "coa utilización da fórmula xurídica de real decreto lei", "cuestionando" ademais o "seu carácter extraordinario e de urxente necesidade". Segundo a Xunta, o gabinete de Rajoy "atenta contra a seguridade xurídida, xera incerteza nos investidores, afecta o lexítimo e pacífico exercicio das competencias propias da comunidade autónoma" e "non está adecuadamente xustificado". Ademais, abonda, a medida do Estado "ten un impacto económico limitado" na reversión do déficit tarifario eléctrico -cifrado en 24.000 millóns de euros a nivel estatal-, problema que, por outar banda, é "coñecido hai anos". Fronte a isto a Xunta reclamará "un novo marco para a enerxía eólica que achegue certeza, garantía e estabilidade durante toda a vida das instalacións", que "contribúa a acadar os obxectivos de penetración das renovables cara ao ano 2020 fixados nas directivas europeas" e que "incentive a redución de custos" na produción de enerxía eléctrica.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Consecuencias consumadas: a enerxía do hospital de Ferrol, un 20% máis cara

Ademais de afectar o desenvolvemento do sector eólico a fin das primas ás enerxías renovables xa tivo outras consecuencias tanxibles en Galicia. É o caso, como adiantou Praza Pública, da suspensión e posterior reedición do concurso público para implantar un sistema de produción enerxética a partir de biomasa nos hospitais de Ferrol. Tramitado pola vía de urxencia a finais de 2011, o 28 de xaneiro deste ano o Sergas tiña que frear o proxecto "por razóns de interese público" que non eran outras que a fin das primas "para novas instalacións de produción de enerxía eléctrica a partir de coxeración, fontes de enerxía renovables e residuos". Daquela anunciaban que o concurso volvería celebrarse, pero "adaptado á situación resultante" da decisión do Goberno central.

Así as cousas, na primavera deste mesmo ano a Xunta reiniciou o proceso mudando esencialmente un aspecto: o prezo. De 18,8 millóns de euros o contrato pasou a 22,4 millóns que daquela Feijóo non reflectiu Feijóo ao presentalo ante a prensa nin o servizo de comunicación do Goberno, na referencia que fai pública cos asuntos tratados en cada Consello. Ben ao contrario, da exposición de Alberto Núñez Feijóo non fora posible deducir que esa fora a segunda ocasión en que se iniciaba unha operación que, di, serviría para "profundar na eficiencia do Sergas, nos aforros e na eficiencia enerxética.