"Acordo histórico" na CRTVG para os servizos mínimos da folga xeral

Persoal da CRTVG, nunha manifestación contra os recortes CC-BY-SA Merixo

"Por primeira vez, visualizarase nos medios públicos o seguimento dunha folga xeral por parte do seu persoal". Deste xeito resumen as organización sindicais as negociacións entre a Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e o seu comité de empresa, que veñen de culminar co que consideran "un acordo histórico". Segundo informa a CIG, este acordo no ente público trae consigo que os servizos mínimos se cingan unicamente á "produción e emisión na TVG, na Radio Galega e nos medios interactivos dos programas informativos", que ademais se "limitarán á inclusión de noticias ou informacións que sexan de actualidade e teñan a inmediatez necesaria para garantir o cumprimento do dereito á información".

Estes contidos serán elaborados por un volume de persoal "que non poderá superar o 15% do promedio" e os programas informativos "terán unha duración de 20 minutos, inclúindo a información meteorolóxica", nun contexto no que, ademais, a audiencia terá coñecemento directo de que as mudanzas se deben ás mobilizacións. Así, ás 00:00 do 14 de novembro a TVG amosará en pantalla unha sobreimpresión co texto "TVG, RTG e CRTVG.es poderían emitir hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga". "Esa mesma sobreimpresión -detallan- pasará ao principio e ao final de cada programa alternativo, un minuto".

A TVG e a Radio Galega emitirán mensaxes que salienten a variación da programación a causa da folga

Na Radio Galega esa mesma mensaxe emitirase a través dunha locución que aclare que "TVG, RTG e CRTVG.es están emitindo hoxe unha programación ou contido distinto do habitual debido á convocatoria de folga xeral" e, na web da compañía, "aparecerá un banner permanente na páxina de inicio e en zona visíbel", explica o sindicato. O acordo entre persoal e empresa complétase sinalando que tamén serán servizos mínimos "as declaracións ou comunicacións oficiais de interese público esencial" e a "emisión de programación alternativa pactada", isto é, "a redifusión de películas, documentais ou programas emitidos previamente e a emisión dos programas Era vistoLarpeiros, gravados con anterioridade á xornada de folga". "Alén diso, a programación será identificada como redifusión", acordaron.

Este acordo acadado nos medios públicos levou a Xunta a convocar os sindicatos do sector público para "tentar desbloquear" a negociación do resto de servizos mínimos, a cal, di a CIG, "todas as partes deran por rematada e que non deu ningún froito por mor do inmobilismo da Xunta". Así e todo, non houbo acordo en ámbitos como o Sergas, que "impuxo uns servizos mínimos que superan a presenza" de persoal "nun domingo ou festivo". Do mesmo xeito, na Administración xeral tampouco haberá acordo, polo que a CIG recorrerá os servizos mínimos nos tribunais.

Persoal da CRTVG, nunha manifestación contra os recortes CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.