Unha 'culebra social' percorrerá Ferrol chamando á folga xeral

Percorrido da 'culebra' Dominio Público Praza Pública

En Ferrol chámanlle culebra, ou "facer unha culebra" ou "saír en culebra" aos grupos de traballadores e traballadoras dos estaleiros que van por todos os talleres da factoría chamando as compañeiras e compañeiros a unha asemblea, un paro ou folga. Iso é que se quere facer este martes 13, véspera da folga xeral, na cidade. Os seus organizadores entenden que para que a folga sexa xeral toda a cidadanía debe estar implicada e por ese motivo van realizar unha "culebra social", que se moverá "de praza en praza, coma se fosen talleres, por toda a cidade coma se fora a factoría" chamando "as compañeiras e compañeiros a debater, falar, escoitar en asembleas abertas e participar na Folga Xeral".

A convocatoria é este martes na Praza de Armas ás nove da mañá, onde se abrirá unha asemblea onde se elexirá unha persoa para moderar os debates. A seguir, sairá a culebra "con música, repartindo panfletos, e todo o que se nos ocurra para chamar a atención, carteis...". A primeira parada será ás 9.30 na Praza do Himno Galego en Esteiro. A segunda, ás 10.30, diante do Mercado Municipal de Caranza. A terceira, ás 12.30, na Praza de Porta Nova no Inferniño. E a cuarta, ás 13 horas, na Praza Amada García, diante do edificio da Xunta. En cada parada celebrarase unha asemblea aberta.

Percorrido da 'culebra' Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.