CCOO e UGT barallan o 29 de marzo, como a CIG, para convocar unha folga xeral

Méndez e Toxo CC-BY-NC-SA CCOO Cantabria

"Comisións Obreiras e UGT van convocar unha folga xeral o 29 de marzo". Con esta rotunda sentenza se pronunciaron fontes sindicais en declaracións a Praza Pública sobre un chamado ao paro xeral que, en calquera caso, non ten confirmación oficial. Varias persoas do ámbito sindical consultadas por este diario dan por feito que a folga, xa avanzada este martes polo secretario xeral de CCOO en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión, será na mesma data que a que xa programou a CIG. Aguión incidiu reiteradamente en que a folga sería convocada "cando se contasen cos suficientes apoios". Despois dunha mañá de moitas declaracións cruzadas a nivel estatal semella que as dúas principais centrais a nivel estatal dan por feito que eses apoios están recabados.

As delegacións de Vigo, tanto de UGT como de CCOO, levan traballando "semanas" para forzar ao "aparato" confederal a que ese chamado se produza "de maneira inminente"

"Canto máis fortes sexamos máis efectividade vai ter. Digámolo claramente, falamos dunha folga xeral. Pero non imos facer a folga cando diga Rajoy, senón cando esteamos listos e teñamos o suficiente número de apoios", adiantou o líder en Galicia de CCOO a Praza este martes. As delegacións de Vigo, tanto de UGT como de CCOO, levan traballando "semanas" para forzar ao "aparato" confederal a que ese chamado se produza "de maneira inminente", indican desde a cidade olívica. Os representantes de ambos os dous sindicatos en Vigo tamén apuntaron onte a que o paro xeral ía coincidir co da CIG, o 29 de marzo.

De ser así a folga xeral produciríase canda a presentación dos Orzamentos do Estado e catro días despois das eleccións autonómicas en Asturias e Andalucía.

Comunicado conxunto

CCOO e UGT acaban de remitir un comunicado conxunto no que enfrían a posibilidade de que haxa unha convocatoria unitaria de folga. Aseguran que a súa prioridade segue a ser a da "información" e a de chamar á cidadanía ás mobilizacións xa programadas como a deste mércores ou a do 11 de marzo. "Os sindicatos reiteran que a prioridade é asegurar o éxito das mobilizacións convocadas hoxe 29 de febreiro; o 8 de marzo, Día Internacional da Muller; e o 11 de marzo cunha nova xornada de manifestacións en todo o país contra a reforma laboral", di textualmente a nota.

"Ambos os sindicatos esperan a resposta do presidente do Goberno á súa carta do 20 de febreiro, na que lle solicitaban a apertura urxente dunha mesa de diálogo social para abordar a reforma laboral aprobada por RDL o pasado 10 de febreiro."

 

Un intre da manifestación de Vigo, co mar ao fondo © Xoaquín Agulla

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.