0 Gardados para despois

A negativa da conselleira de Facenda a tratar a situación laboral de NGB causa "estupor" entre os traballadores

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


O deputado nacionalista Carlos Aymerich preguntou esta tarde á conselleira de Facenda, Elena Muñoz, sobre as consecuencias laborais que ten e terá o proceso de reestruturación financeira en Galicia. Reconversión que xa supuxo a bancarización da chamada caixa única e a absorción de Banco Pastor por parte do Popular. Cuestionada ao respecto, a titular de Facenda eludiu facer referencia ao ERE que vén de poñer sobre a mesa Novagalicia Banco ou ao que "xa prepara" o Pastor, tal e como apuntou Aymerich. "É mellor non facer preguntas laborais para non causar incertezas", respondeu Muñoz.

Palabras que provocaron xa un gran malestar entre os traballadores de ambas as dúas entidades. Aymerich "ironizou coa sinceridade da conselleira", apuntou o BNG en nota de prensa, cando recoñeceu que co decreto se trata de “recuperar as entidades financieiras, estamos para servir ás mesmas”, e o obxectivo último "debera ser a recuperación das familias e o fluxo de crédito para as pequenas e medianas empresas, ademais da protección dos intereses dos clientes estafados na fraude das preferentes".

Este xoves estaba programada unha nova sesión da mesa de negociación do ERE, que foi cancelada esta mañán por correo electrónico

No caso de NGB é especialmente acusado xa que, desde a fusión e en canto se poñan en marcha as novas medidas laborais, o cadro de persoal terá sido reducido en 2.000 persoas. O equipo de José María Castellano, asesorado polos avogados de Sagardoy, pretende reducir o plantel noutras 750 persoas, así como tamén o peche de 150 sucursais máis. Este xoves estaba programada unha nova sesión da mesa de negociación do ERE, que foi cancelada esta mañán por correo electrónico. Desde a CIG, o seu delegado en Banca, Clodomiro Montero, constata que o seu temor é que "non haxa máis negociacións". "Estas declaracións causan estupor, incertezas xa as temos", engadiu Montero.

Muñoz insiste en que Novagalicia Banco, que vén de crear unha nova marca para o exterior, ten futuro cun proxecto en solitario.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.