0 Gardados para despois

O desemprego non desapareceu aos 45 días malia á promesa de Feijóo

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


1. “Combater o paro como máxima prioridade do Goberno e recuperar a senda de creación de emprego garantindo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”

2. “Estratexia económica. Loitar contra a crise apostando polos nosos sectores produtivos cun plan estratéxico a desenvolver por un Goberno unido, coordinado e que saiba establecer prioridades”

O ano 2007 foi o que rexistrou un maior descenso do número de desempregados rexistrados nos servizos públicos de emprego. A economía española, botando man de capital fundamentalmente exterior, sufragou unha expansión económica que se baseou no consumo interior. A construción, agora demonizada, chegou a supoñer máis do 12% do Produto Interior Bruto (PIB) a nivel estatal. Pero esa dependencia do mercado interno tamén se evidenciou co excelente comportamento de actividades económicas como a hostalaría, a banca, o comercio polo miúdo ou as actividades de manufacturas. Iso si, vencelladas a industrias máis potentes. Unha economía satélite dunha estrela que non estaba en España.

En maio de 2009 había máis de 207.000 parados rexistrados en Galicia. Xa se rexistrara un incremento a nivel interanual. Se se toman os datos da Enquisa de Poboación Activa (EPA), desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo a Monte Pío só se reduciu o número de desempregados galegos entre o segundo e o terceiro trimestre (de 2009 e 2010) e no Nadal de 2011. O efecto estacional destes datos, así como a progresiva destrución de emprego industrial, deixan ver un deterioro do mercado laboral de Galicia que se iniciou con anterioridade á chegada do PP á Xunta.

Hai 70.000 parados máis en Galicia hoxendía que no momento en que o líder do PP galego asumiu os mandos da Xunta

Feijóo marcou o paro como o problema principal a combater, ao igual que fixo Mariano Rajoy antes das pasadas eleccións xerais. Ambas as dúas mensaxes, alén doutros aspectos políticos, ergueron aos dous galegos até o poder. Os dous botaron man, tamén, dunha mensaxe de menor imposición fiscal. Feijóo prometeu rebaixar o tramo galego do IRPF (e non o fixo) e Rajoy incrementou esta mesma taxa directa, que grava a renda do traballo. Non é posible desvincular a realidade e deterioro do mercado laboral galego do estatal, pero a estratexia económica do PP en Galicia penalizou certos sectores como a industria, o agro ou a enerxía.

Acabar co paro en 45 días

Na campaña electoral de 2009 Alberto Núñez Feijóo prometeu finiquitar o problema do desemprego en 45 días. Unha afirmación que se volveu rapidamente contra el tendo en conta os datos do Ministerio de Trabajo, da propia Xunta ou do Instituto Galego de Estatística (IGE). "Con Feijóo máis emprego, seguro", era unha das frases que se incluían nas mensaxes de campaña para Feij009. Ou "son mileurista pero Feijóo baixará os impostos", dicía outra. Dacordo coa Enquisa de Poboación Activa (EPA), máis fiable segundo os expertos, hai 70.000 parados máis en Galicia hoxendía que no momento en que o líder do PP galego asumiu os mandos da Xunta. 

O número de persoas que buscan activamente emprego sen éxito desde hai máis de 24 meses aumentou en 38.000 desde a vitoria dos conservadores

E hai un dato moi severo que evidencia que a crise laboral de Galicia nunca se resolveu malia a eses picos mencionados nos que se reduciu o número de persoas sen traballo. O número de persoas que buscan activamente emprego sen éxito desde hai máis de 24 meses aumentou en 38.000 desde a vitoria dos conservadores na comunidade. En total son 61.600 os galegos que levan dous anos ou máis no paro con escasa ou nula cobertura económica.

 

Tras a chegada de Feijóo á Xunta, e durante catro meses, os datos do paro rexistrado eran máis positivos no marco galego que no conxunto do Estado. Esta dinámica mudou drasticamente en setembro de 2009 cando o desemprego aumentou un 2,69% en Galicia, por riba da media española. Esta tendencia repetiuse en outubro, novembro, decembro e xaneiro de 2011 con picos de incremento intermensual do paro de ata o 3,9%. En setembro de 2010 volveu repetirse esta tendencia, o cal mostra en parte como o mercado laboral galego tamén fluctúa coa estacionalidade da demanda do sector servizos.

Vídeo de campaña de Feijóo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

Caída poboación ocupada

"O paro é un problema social. É levantarse pola mañán e preguntarse se un é inútil", apuntaba Feijóo noutro dos vídeos de campaña. En xaneiro de 2011, e por primeira vez desde a última etapa de Manuel Fraga na Xunta, o número de cotizantes galegos baixou do millón. Foron, en concreto, 982.407 persoas as que seguían cotizando na Seguridade Social. Os fondos destinados para políticas activas de emprego sufriron, asemade, recortes moderados (cando menos), que van desde o 3 ao 33,8%. En total, e desde 2009, hai 66 millóns de euros menos para o fomento da empregabilidade ou a formación para persoas sen traballo.

Hai datos da EPA, ademais, que chaman á atención. O número de analfabetos en idade activa de traballar medrou entre 2009 e 2011 ao tempo que se reduciu a cifra de activos que só acreditan estudos de primaria. Moita xente nova entrou no mercado laboral con educación básica e, tras a perda do emprego, volveu retomar os estudos. 

Vídeo da campaña de Feijóo

A desputa do vento

Hai case tantos parados en Galicia do sector industrial como da construción. Si houbo unha expansión desmedida do sector inmobiliario, pero en absoluto tan dramática como no Levante español, Andalucía ou Cataluña. A cifra de asalariados do sector privado industrial en Galicia está ao menor nivel da serie dispoñible no INE, con apenas 151.100 persoas. A oposición condena a falta de apoio da Xunta co emprendemento e investimento empresarial, un dos factores de crecemento económico. Os fondos para estas partidas sufriron un recorte do 30%, ao pasar de 233 millóns de euros no 2009 a 173 millóns de euros na actualidade.

O mesmo sucede co investimento en I+D. Os datos oficiais coñecidos de I+D en Galicia reflicten que o gasto en I+D para o ano 2009 se situou en Galicia no 0,96 % do PIB, fronte ao 1,38 % do PIB para o conxunto de España, e do 1,04 % do PIB para Galicia no ano anterior. E tamén o gasto en innovación tecnolóxica nas empresas descendeu en Galicia no ano 2009 con respecto ao ano anterior nun 29,57 %, superior ao -11,46 % existente a nivel de España.

Galicia tópase agora, ademais, coa paralización efectiva do plan eólico do Goberno Feijóo. Un procedemento que aspiraba a captar 6.000 millóns de euros (tres cuartas partes do orzamento da Xunta) e a crear máis de 12.000 postos de traballo. A supresión das primas adoptada polo Goberno de Rajoy finiquita o plan estrela do conselleiro Javier Guerra. Feijóo derrogou o decreto do bipartito por ter, según el, "visos de ilegalidade". O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou que era completamente legal en abril de 2011.

Alejandro Gómez (PP) sobre o eólico. Hai dous anos