0 Gardados para despois

Galicia revive o fenómeno da emigración e a falta de cohesión territorial

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


9. “Equilibrio territorial. Garantir que todos os galegos teñan as mesmas oportunidades e servizos, vivan onde vivan, sexa no interior ou na costa, en cidades ou no rural”

 

No ano 2002 morreron en Galicia 28.353 persoas, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE). Naceron 19.327 galegos. Emigraron máis de 4.000. A saída masiva de cidadáns de Galicia volve repetirse no medio dunha crise que non ofrece saídas. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, propuxo no se Contrato con Galicia un reto difícil: o de lograr o equilibrio territorial na comunidade. Mais os galegos non só escapan do rural cara as cidades, senón que marchan das cidades a outros destinos con diferente bandeira. O Goberno de Feijóo puxo en marcha, coa maquinaria do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) os plans Impulsa Lugo e Ourense. Cualificounos como o "motor" de ambas as dúas provincias.

Para sufragalos Feijóo botou man de diversos plans de financiamento, tanto do Igape como do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Na páxina web de ambos os dous plans, non obstante, non hai ningún apartado onde se explique a contía total dos Impulsa, o seu modelo de financiamento e o grao de execución. Actualmente as dúas webs redirixen ao usuario á páxina do Igape, para aqueles empresarios ou investidores que queiran axuda para proxectos de, como mínimo, 200.000 euros. Non obstante, a dirección á que chega o internauta é a un programa do Igape de grandes inversións, superiores aos 500.000 euros.

Os recortes orzamentarios para o servicio de desenvolvemento rural foron do 57% no que vai de lexislatura

Alén de medidas específicas, a fenda entre a poboación do interior e da costa galega non se cubriu. Así se pon de manifesto en todas as estatísticas, especialmente as do IGE, moi completas. O Instituto ten un apartado ao que chaman "índice de cohesión rexional" en materia de emprego, e no que Galicia non sae ben parada. Segundo aparece en devandita táboa, este indicador pechou 2011 no 5,4, moi lonxe do 9,5 do conxunto do Estado ou do 12 da Unión Europea.

 

No que vai de lexislatura, os recortes orzamentarios para o servicio de desenvolvemento rural foron do 57%, polo que, ao entender da oposión, non se garante a mellora das infraestruturas, "novos saneamentos e abastecementos no medio rural, o acceso no rural as novas tecnoloxías, a mellora da calidade de vida e a prestación de servicios básicos á poboación rural", arremete o PSdeG. En base aos datos tributarios e de contabilidade nacional aínda prevalecen enormes diferencias entre a renda das provincias do interior e as de costa.

Ingreso mensual medio por fogar
  2007 2008 2009 2010
A Coruña 2.131 2.152 2.098 2.108
Lugo 1.927 1.969 1.938 1.916
Ourense 1.752  1.659 1.729 1.744
Pontevedra 2.049  2.052 2.041 1.931

 

O rural

O PIB per capita de cada unha das provincias explica o desequilibrio de rendas e, segundo os analistas, a falta dun plan de reequilibrio territorial incide na ausencia dun "avance real" da economía doméstica do agro no que se refire ao PIB per cápita. A falta de perspectivas da que adolece (cando menos parte) do rural tamén ten un vínculo coa reducción, nun 50%, das axudas á incorporación dos máis novos ás actividades que máis se desenvolven no interior de Galicia.

Foron máis de 1.700 as explotacións que se pecharon no que vai de lexislatura, e onde os seus ingresos se recortaron en 195 millóns de euros

Desde os sindicatos agrarios se insiste de maneira reiterada no incremento, por exemplo, do peche explotacións do sector lácteo. Foron máis de 1.700 as que se pecharon no que vai de lexislatura, e onde os seus ingresos se recortaron en 195 millóns de euros, colocando ao sector á cola de Europa. O prezo do leite acadou mínimos histórico xa que os gandeiros galegos chegaron a cobrar apenas 0,25 euros  polo litro de leite, o prezo máis baixo dos últimos cinco anos e o máis baixo do Estado.

 

Emigración

Coa chegada da crise, e amais da migración interna (que nunca descendeu), os galegos marchan fóra. Entre xaneiro e setembro de 2011 foron 3.790 os galegos que emigraron ao estranxeiro, segundo os datos do INE. Foi a sexta comunidade de todo o Estado que máis habitantes perdeu pola emigración a outro país. Dito doutro xeito, nos primeiros nove meses de 2011 marchou máis xente que en todo o ano 2010 e o doble que en 2004, por exemplo. Desde a chegada de Feijóo á Xunta, máis de 10.000 persoas abandonaron Galicia para buscar fóra, outra vez, unha oportunidade.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.