O acordo que mantén a esperanza dos gandeiros galegos

Acordo asinado entre Xunta, produtores, industria e distribución o 7 de decembro Dominio Público Praza Pública

O pasado 7 de decembro, os sindicatos gandeiros arrancáronlle á Xunta de Galicia un compromiso para subir o prezo do leite que as industrias pagan ás explotacións. Daquela, as tres centrais maioritarias (Unións Agrarias, Xóvenes Agricultores e Sindicato Labrego Galego) valoraron o compromiso do Executivo por ir "moito máis aló" cun documento que superaba os acordos aos que chegaran industria, distribuidoras e Consellería de Medio Rural unha semana antes e coa folga de entregas de pano de fondo.

O acordo foi valorado polos sindicatos por "ir moito máis aló" que noutras ocasións

A titular do departamento do Goberno, Rosa Quintana, explicaba que o Executivo intensificaría a vixilancia sobre a industria e a distribución para impedir que se venda leite a perdas, ao tempo que os sindicatos felicitábanse do compromiso de Feijóo de defender ante o Estado a necesidade de que a futura lei do sector impida claramente á industria e á distribución exercer prácticas que obriguen a vender por baixo dos prezos de custo. SLG, XXAA e UUAA destacaron o feito de que a Xunta recoñecese no documento a posición de abuso da industria con respecto aos gandeiros, así como que se incluíse o compromiso de atender a necesidade das explotacións de dispor de territorio para poder ter un modelo de produción con custos máis asequibles, algo no que se avanzará en futuras mesas de traballo.

Fontes sindicais insisten en que o acordo é "un marco de traballo importante" que será efectivo se se concreta en medidas

Praza Pública tivo acceso ao acordo entre sindicatos e Administración a través da conta de Twitter de @GandeirosGal2, un documento cuxa veracidade foi confirmada por fontes sindicais. Nel reprodúcese o que as mesmas fontes consideran "un marco de traballo moi importante" para o futuro, aínda que recoñecen que só será efectivo para o sector cando os compromisos "se concreten" coa suba do importe que se lle paga aos gandeiros polo leite ou coa aplicación do resto de medidas de previstas, moitas delas a negociar en futuros grupos de traballo.

"Daremos fe cando vexamos os resultados; agora xa temos identificado o problema e non queremos máis documentos, senón actuacións concretas", aseguran fontes sindicais que recoñecen que o asinado é "un bo punto de partida" e un avance importante ao asumir a Xunta reivindicacións e problemáticas que nunca admitira.

A Xunta recoñece a "situación crítica" dos gandeiros polo "mal funcionamento da cadea de valor"

No texto, tal e como destacaban os sindicatos, a Xunta recoñece a "situación crítica" dos gandeiros galegos “como consecuencia do mal funcionamento da cadea de valor que non é quen de remunerar os custos de produción” e recoñece tamén que “na situación do mercado actual se evidencia a indefensión do sector produtor fronte á industria de transformación e a distribución comercial”. De feito, asúmese que as explotacións foron “abocadas a unha folga de entregas contra os seus propios intereses”.

Así, os representantes dos gandeiros, das industrias de transformación, das cadeas de distribución e de Medio Rural manifestan a súa “vontade común en avanzar en mecanismos que permitan unha distribución máis equilibrada do valor económico xerado na cadea e valor láctea, en aras a permitir o desenvolvemento sun sector produtivo estratéxico para a economía galega”.

Tal e como di o documento, todos eles "acordan" que "a industria se compromete a impulsar medidas que permitan valorizar axeitadamente o leite", que a distribución "reformulará a política comercial para evitar a banalización do produto" e que os gandeiros "fortalecerán a negociación, coa axuda do paquete lácteo, para o que contará co apoio da Xunta".

Do mesmo xeito, o Goberno galego "comprométese" a que a primeira reunión de Feijóo cos sectores produtivos galegos teña lugar cos representantes dos gandeiros, así como a "xestionar co Ministerio de Agricultura, e de xeito inmediato, a reformulación do acordo de colaboración co sector lácteo para estender os compromisos acadados en Galicia ao resto do Estado".

O Goberno comprométese a intensificar a inspección e a levar a cabo "medidas eficaces" para aumentar o territorio das explotacións para unha produción con custos máis asequibles

Ademais, a Xunta comprométese tamén a "intensificar a inspección para verificar a situación de dependencia dos produtores respecto á industria" e que "nesta lexislatura" levará a cabo "medidas eficaces e áxiles para permitir a dispoñibilidade real de superficies destinadas á produción de alimentos, diminuíndo os custos e mellorando a súa competitividade". Ao tempo, a Administración promete "coliderar e axilizar o proxecto de lei estatal de medidas para mellorar o funcionamento da cadea alimentaria" para que se "garanta que todas as partes da cadea obteñan un beneficio que cubra os seus custos de produción", unha medida que debería concretarse en sancións legais ás industrias que obriguen a vender a perdas aos gandeiros.

Acordo asinado entre Xunta, produtores, industria e distribución o 7 de decembro Dominio Público Praza Pública
Xuntanza da Xunta co sector lácteo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.