Un manifesto de expertos reclama a recuperación da prima das renovables

Eólicos no Bierzo © Asociación Cultural Ecobierzo

Unha vintena de profesores universitarios e profesionais galegos veñen de facer público un manifesto no que solicitan a derrogación do Real Decreto Lei 1/2012, que anulou temporalmente as primas á produción eléctrica no sector das enerxías renovables, e a aprobación dun novo réxime de axudas para a produción eléctrica. O texto tamén lle foi remitido ao Conselleiro de Industria da Xunta.

A paralización das fontes renovables supón aumentar a dependencia das fontes tradicionais e un encarecemento a longo prazo do prezo da enerxía

Salientan que para o desenvolvemento das tecnoloxías renovables é imprescindible a existencia dunha prima á súa produción e que estas axudas son precisas para igualar os presos de produción das fontes tradicionais (petrolíferos, gas natural e enerxía termonuclear). Neste senso lembran que a contabilización dos custes de producir un kWh non se pode realizar unicamente a curto prazo, xa que o deterioro ambiental das fontes convencionais é moi superior ao das renovables. Conclúe ademais que a paralización das fontes renovables supón aumentar a dependencia das fontes tradicionais e un encarecemento a longo prazo do prezo da enerxía, "que fará infrutuosa calquera iniciativa empresarial na que a enerxía sexa a principal materia prima".

Porén, sitúan o cerne do seu discurso no emprego. Destacan que en Galicia existe un gran potencial eólico e de biomasa que está pendente de desenvolver e que ficou paralizado pola desaparición das primas. Afirman que só no sector da eólica se poderían crear máis de dez mil postos de traballo nos vindeiros anos. E engaden que o custe das fontes de enerxía convencionais (en particular os derivados petrolíferos e gas natural) céntrase no propio combustible, mentres que no caso das renovables este está derivado da creación de postos de traballo cualificados e estables, non so nas centrais eléctricas senón tamén noutros sectores sinérxicos como a fabricación de componentes, consultoría, investigación ou docencia.

Destacan que en Galicia existe un gran potencial eólico e de biomasa que está pendente de desenvolver e que ficou paralizado pola desaparición das primas. Afirman que só no sector da eólica se poderían crear máis de dez mil postos de traballo nos vindeiros anos

Lembran neste senso que a maiores dos beneficios da produción de enerxía (eléctrica ou térmica) Galicia é líder noutros aspectos sinérxicos como son a fabricación de compoñentes (existen importantes fábricas que dan traballo a miles de persoas), formación (se imparten dous másters oficiais de referencia), grupos de investigación universitarios ou na exportación de coñecemento a outros países nos que están empezando a desenvolver estas tecnoloxías (a internacionalización do sector supón importantes ingresos para as nosas empresas). E conclúen que as fontes renovables son máis distribuídas, xustas e sustentables e poden fixar poboación no rural galego, de forma que este siga a ser unha forma de vida.

Conclúen que as fontes renovables son máis distribuídas, xustas e sustentables e poden fixar poboación no rural galego, de forma que este siga a ser unha forma de vida

Este Manifesto foi proposto pola Asociación Galega de Xestores Enerxéticos e entre os asinantes se atopan Horacio Naveira (Decano da Facultade de Ciencias da Universidade de A Coruña), Fernando Blanco Silva (xestor enerxético da Universidade de Santiago de Compostela), Jesús Manuel Giz Novo (xestor enerxético da Universidade de A Coruña) ou Óscar Cabeza, Rosa María Regueiro ou Diego Gómez Díaz (profesores da Universidade de A Coruña e Santiago).

Eólicos no Bierzo © Asociación Cultural Ecobierzo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.