0 Gardados para despois

A cúpula da Igrexa enfróntase ás asociacións católicas obreiras

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


O presidente da Conferencia Episcopal Española, Antonio María Rouco Varela, vén de engadir aos temas a tratar na actividade pastoral a modificación da lei básica do mercado de traballo. A reforma laboral é carne de culto por mandato da máxima autoridade da Igrexa en España. Rouco Varela vén de obrigar aos vicarios episcopais a que difundan unha corrección e se desmarquen dun comunicado previo elaborado por dous colectivos obreiros católicos contra, precisamente, o abaratamento do despido.  Nunha nota á que tivo acceso Praza, a Conferencia Episcopal non só condena a difusión da nota por parte desas dúas organizacións, senón que pon en marcha a maquinaria para bloqueala e posicionarse en contra.

"Até o de agora as sucesivas reformas laborais transformaron a concepción e función do traballo asalariado"

O conflito comezou esta semana coa decisión de Juventud Obrera Cristiana (JOC) e a Hermandad Obrera de Acción Católica (HOAC) de remitir unha nota aos medios e fieis na que atacan frontalmente contra a reforma laboral. Ambos os dous identifícanse como "parte da Igrexa no mundo obreiro e do traballo". "Até o de agora as sucesivas reformas laborais levadas a cabo polos gobernos, dun ou outro signo político, transformaron a concepción e función do traballo asalariado na nosa sociedade e están socavando os dereitos das persoas traballadoras e das súas familias", comeza o comunicado.

En palabras do Papa

JOC e HOAC incluso botan man do actual Papa, Bieito XVI, para deslexitimar o contido da norma aprobada recentemente polo Consello de Ministros. "O respecto á dignidade do traballo, vinculado á dignidade da persoa, debe ser o criterio central dunha economía orientada por "unha ética amiga da persoa", menciona a nota. Para lograr a consecución dese obxectivo é preciso, cren, acometer "unha reforma do sistema financeiro internacional". Reforma que permitiría "avanzar en xustiza social e comuñón de bens, redistribuíndo efectivamente a riqueza existente; controlar a economía especulativa e frear o desmedido afán de lucro, en lugar de eliminar dereitos. Este é o camiño que pode xerar riqueza orientada á creación de emprego decente e con dereitos, e a diminuír a pobreza", sentencian.

"A nosa Diócese non se identifica co contido do devandito Documento, nin se fai responsable do mesmo, considerando improcedente a súa difusión"

O desmentido

En ningún punto do comunicado ambas as dúas organizacións católicas fan referencia á cúpula eclesiástica, máis alá de mencionar en varias ocasións ao Papa. Malia todo, a Conferencia Episcopal actuou con celeridade e remitiu o seguinte comunicado aos seus vicarios.

"Aos vicarios episcopais
A Delegación Episcopal Diocesana de Pastoral do Traballo enviou a todas as parroquias un comunicado elaborado pola HOAC e a JOC de ámbito nacional, ante a nova Reforma Laboral.
A nosa Diócese non se identifica co contido do devandito Documento, nin se fai responsable do mesmo, considerando improcedente a súa difusión.

Por indicación do Sr. Cardeal envíase esta nota para que cada Vigairo Episcopal a faga chegar aos ámbitos da súa responsabilidade. Nas Vicarías territoriais debe enviarse aos Arciprestes o máis axiña posible, a fin de que estes o envíen ás parroquias e lugares de culto do seu respectivo arciprestazgo"

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.