CxG pídelle a Feijoo que eleve o tramo autónomico do IRPF ás rendas altas

Manuel González Dominio Público Praza Pública

Compromiso por Galicia critica o proxecto de Orzamentos da Xunta de Galicia para o ano 2013 e cualifica as contas de “claramente ideolóxicas”, con “recortes en educación, sanidade e servizos sociais" e recorrendo a "baixarlles os salarios aos funcionarios unha vez máis”, en lugar de propór alternativas para “incrementar substancialmente os ingresos”. O membro da Executiva Nacional de CxG e economista Manuel González alerta de que “o recorte do gasto público vai derivar en máis recesión e máis paro”, e con Feijóo “xa formamos parte das Comunidades Autónomas co 20% do paro e agora imos camiño do 25%”.

“Xa formamos parte das Comunidades Autónomas co 20% do paro e agora imos camiño do 25%”

Compromiso por Galicia propón elevar o tipo marxinal do IRPF no Tramo Autonómico para as rendas máis altas e lembra que se poden obter máis ingresos “creando un imposto aos depósitos bancarios” ou “impulsando a posta en marcha novas figuras de tributación medioambiental”. Tamén salienta a necesidade de manter o investimento en I+D+i, "única garantía para mudar o modelo produtivo e poñer os piares para saír da crise económica”.

“Feijóo da un paso máis para converter a Xunta de Galicia nunha grande deputación provincial"

Manuel González afirma que Feijóo non pode “parapetarse noutros” e ten que asumir responsabilidades “da súa xestión económica”. González cre que dende a Xunta de Galicia ten a suficiente capacidade para implentar políticas diferentes “e mitigar a crise no noso País” e conclúe que con estas contas “Feijóo da un paso máis para converter a Xunta de Galicia nunha grande deputación provincial, sucursalista das desastrosas políticas de Rajoy en Madrid, sen incidencia  algunha no devir da economía galega e no benestar dos galegos e galegas”.

Manuel González Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.