Volve a bombona de butano por mor das subas dos prezos de gas e electricidade

Nalgunhas comunidades autónomas está aumentando o consumo de butano CC-BY Gonmi

A chamada enerxía dos pobres, a bombona de gas butano, volve instalarse nos fogares españois. Así o recoñecen o tres principais subministradores deste produto, Repsol, Cepsa e Galp. A outrora popular bombona laranxa sufriu nos pasados anos do dispendio económico un evidente ocaso e descendeu en porcentaxes de dous díxitos, a medida que se expandían as instalacións do gas natural. Coa prolongación da crise o descenso freouse e, en comunidades deprimidas como Castela-León, rexístrase un significativo crecemento na distribución, segundo indicaron fontes de Repsol á prensa desta comunidade.

Electricidade e gas natural nos últimos 13 meses acumulan alzas do 14% e 7% respectivamente

Esta nova xuventude do butano aséntase en dous fundamentos. O primeiro, o exponencial incremento nos fogares da factura da electricidade e do gas natural, que nos últimos 13 meses acumulan alzas do 14% e 7% respectivamente. En segundo lugar e a pesar de que o prezo do butano tamén subiu ao redor dun 6%, o seu maior poder calorífico en relación co gas natural e, sobre todo, a ausencia das partidas fixas nos recibos, convérteno nun recurso máis barato e, por tanto, máis apreciado nas danadas finanzas familiares.

 

Alza de aninovo

En 2011 consumíronse en España uns 80 millóns de bombonas de butano, contando como clientes uns sete millóns de familias

Como vén sendo xa unha tradición, a enerxía, ao igual que os prezos e taxas doutros produtos e consumos básicos, volveu subir no arranque de 2013. A Tarifa de Último Recurso (TUR) da luz recibiu as badaladas do ano novo cunha alza do 3%. O día 1 de xullo o recibo eléctrico xa crecera un 3,95% de media. Mentres, o gas natural incrementábase un 2,26% e o prezo da bombona de butano creceu un 5,92%. Na anterior revisión de abril, a tarifa do gas natural incrementouse unha media do 5% e a eléctrica un 7%. En xaneiro de 2012 o recibo da luz permaneceu estable, mentres que o do gas subiu un 0,5%.

Este espectacular incremento nos prezos das subministracións enerxéticas afecta a todos os fogares. O gas natural ten 7,2 millóns de clientes, dos que 4,7 millóns están no mercado libre e 2,5 millóns atópanse vinculados á tarifa regulada. Os consumidores de electricidade acollidos á tarifa regulada suman 20 millóns. En 2011 consumíronse en España uns 80 millóns de bombonas de butano, contando como clientes uns sete millóns de familias. Repsol lidera este mercado cunha cota do 75%. Cepsa e Galp reparten o 25% restante.


Múltiples usos

A diferenza principal entre ambos os tipos de subministración hai que buscala nos custos fixos que leva o gas canalizado fronte ao que se fornece en bombonas

Os principais usos domésticos do butano volven ser para cociñar e asegurar a subministración de auga quente. Por riba de calquera outro, no entanto, atópase o abastecemento das estufas para substituír outras formas máis caras de calefacción. O gas natural que se distribúe por canalizacións permanentes nos fogares é máis cómodo e seguro. Con todo, nun momento no que o aforro é a primeira prioridade, a tradicional bombona laranxa ofrece vantaxes.

Un estudo do Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético afirma que o butano ten maior poder calorífico que o gas natural: 12,7 kWh por cada quilo fronte a 10,8 kWh por m3. Pero a diferenza principal entre ambos os tipos de subministración hai que buscala nos custos fixos que leva o gas canalizado fronte ao que se fornece en bombonas. O consumo de gas natural obriga ao aluguer do contador (16,28 euros ao ano no caso de Gas Natural) e, nalgúns casos, o denominado canon IRC, que se abona polo uso e mantemento da instalación común do edificio cando esta é propiedade da comercializadora (79,72 euros anuais). A todos os apartados anteriores hai que engadir o 21% de IVE, que no caso dos 16,10 euros que custa a bombona xa está incluído, segundo información fornecida por Repsol.

 

Pobreza enerxética

O repunte nos fogares españois da bombona de gas butano é un síntoma preocupante de pobreza enerxética que se instalou entre nós coa persistencia da crise económica

O repunte nos fogares españois da bombona de gas butano é un síntoma preocupante de pobreza enerxética que se instalou entre nós coa persistencia da crise económica. Outros síntomas asociados son o establecemento en moitas casas dunha única ducha semanal, a redución das horas de calefacción ou eliminar puntos de luz.

A ONG alertan sobre esta nova cara da pobreza que, segundo un estudo da Asociación de Ciencias Ambientais, afectou en 2012 a un de cada tres fogares cuxos membros están en paro. A Cruz Vermella sinala que o 43% da poboación que recibe os seus servizos asistenciais ten dificultades para pagar as súas facturas de enerxía, polo que, ademais de repartir alimentos, a organización tomou a decisión de distribuír estufas de baixo consumo durante este inverno.

Ademais de repartir alimentos, a Cruz Vermella tomou a decisión de distribuír estufas de baixo consumo durante este inverno

O estudo da Asociación de Ciencias Ambientais calcula que entre 2.300 e 9.300 mortes prematuras ao ano en España poden deberse á pobreza enerxética. Estes datos de vítimas mortais sitúanse por riba dos accidentes de tráfico.

Nalgunhas comunidades autónomas está aumentando o consumo de butano CC-BY Gonmi

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.