As verdades sobre os contratos con Pemex

Feijóo, con directivos de Pemex no balcón do Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Vanse descubrindo as verdades sobre os polémicos contratos entre Pemex e os estaleiros galegos -apoiados pola Xunta- que enlamaron a última campaña electoral en Galicia. Tal e como se descubrira tras as informacións adiantadas por Praza, a compañía petroleira mexicana non asinou contrato ningún coas empresas galegas, senón que foi unha filial da empresa estatal a que o fixo. Pero tampouco foi PMI Internacional a que o fixo, como se dixera nun principio, senón PMI Norteamérica SA (PMI NASA), que acordou manter en "estrita confidencialidade" os acordos con Barreras e Navantia para así "non poñer en risco a estratexia" que a devandita filial ten "para participar no proceso que leva a cabo Pemex Exploración" e poder así asegurarse a súa contratración no concurso que se levará a cabo nos vindeiros meses.

Os estaleiros galegos asinaron os contratos con Pemex Norteamérica baixo condicións "estritas de confidencialidade"

Así se tira dos documentos requiridos a PMI Comercio Internacional por parte do Instituto Federal de Acceso a la Información Pública (IFAI), un organismo de transparencia do Poder Executivo Mexicano Federal, que garante o dereito á información pública gubernamental. Praza tivo acceso a estas aclaracións, logo de que o devandito IFAI as requirise ante as dúbidas que espertaron as continuas contradicións sobre uns acordos que nin Xunta, nin Pemex, nin o Goberno azteca lograron nunca clarexar. Agora déitase algo máis de luz, pero segue pendente aclararse como é posible que os estaleiros galegos teñan asegurada a construción dos floteis cando aínda está pendente que compitan nun concurso para a licitación.

PMI recoñece que se manteñen en segredo os acordos para "non poñer en risco a estratexia" de cara ao futuro concurso de Pemex Exploración

Segundo os documentos, e malia "unha busca exhaustiva e pormenarizada nos arquivos de PMI Comercio Internacional, non se atopou ningún contrato que esta filial subscribise con empresas privadas e públicas en Galicia, A Coruña, Vigo e calquera outra autonomía de España entre o 1 de decembro de 2006 e o 1 de outubro de 2012". Xa que logo, o IFAI permitiu unha prórroga tras a que "foron localizados dous contratos subscritos o 19 de setembro de 2012 entre PMI NASA coas emprsas Navantia e Hijos de J. Barreras". "Teñen por obxecto a construción de dous floteis nos estaleiros das devanditas empresas", aclara.

PMI NASA é copropietaria da refinería Deer Park, nos Estados Unidos, e dedícase á comercialización, exportación e importación de todo tipo de produtos ou mercadorías, en particular de petróleo cru e dos derivados da súa refinación e industrialización. Xa que logo, Barreras e Navantia asinaron senllos acordos con esta compañía, pero baixo condicións de "estrita confidencialidade", tal e como acabaron por recoñecer Xunta e Pemex, logo de que oposición e sindicatos pedisen que se fixesen uns contratos que negara a petroleira estatal pero confirmaba o Goberno galego.

"Estes contratos foron clasificados como información reservada (...), xa que no caso de proceder á súa difusión poderíanse monscabar a condución e as negociacións coas contrapartes", aclara PMI Comercio Internacional, que engade que PMI NASA "e as súas contrapartes pactaron nos dous contratos que se mantivese con estreita confidencialidade a información derivada dos termos e condicións aí contidos".

"Se PMI NASA viola ou incumpre as súasu obrigas de confidencialidade podería ser suxeito de responsabilidade contractual ante autoridades xurdisicionais do estranxeiro", insiste o documento, no que se aclaran tamén as polémicas razóns polas que se manteñen en secreto as condicións do acordo. "A información podería ser utilizada en prexuízo de PMI NASA, provocando que non se asegure unha relación sa coas súas contrapartes, poñendo en risco a estratexia que PMI NASA plantexou para participar no proceso que ao seu efecto leva a cabo Pemex Exploración e Produción".

Facer públicos os contratos pode provocar "que algún outro participante no concurso presente propostas mellores ás pactadas" cos estaleiros galegos

"Pode provocar que algún outro participante dentro do mesmo procedemento convocado por PEP aproveite no seu beneficio a presente información co fin de presentar propostas que melloren as condicións pactadas por PMI NASA nos seus contratos", chega a explicar PMI Internacional, que recoñece que os acordos pactan unhas condicións que deberían ser suficientes para facerse coa licitación dos dous floteis chegado o concurso, nos vindeiros meses.

"O asunto do concurso non foi transparente e nin moito menos se coñecen as bases de licitación", aseguran fontes mexicanas coñecedoras do proceso

É aquí onde políticos e prensa mexicana seguen tendo moitas dúbidas. Segundo fontes aztecas coñecedoras do proceso, "o asunto do concurso non foi transparente e nin moito menos de coñecen as bases de licitación". "Polo momento, os estaleiros galegos xa teñen asinados contratos, que posiblemente se fixeron por asignación directa, como varios dos proxectos que a administración do ex presidente Felipe Calderón estivo realizando antes de que rematase o seu período de goberno", aseguran as mesmas fontes, que insisten nas sospeitas de que o acordo coas empresas galegas foran froito dun acordo político.

Parte do informe requirido polo IFAI a PMI ao que tivo acceso Praza Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.