0 Gardados para despois

Novagalicia dá marcha atrás e inicia un novo ERE polo "desastre" organizativo

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


A pasada semana os traballadores de Novagalicia Banco souberon da existencia de Evo Bank cando, como apuntaron, uns operarios dunha empresa de rótulos empezaron a instalar a nova marca comercial en oficinas da rede exterior da entidade galega. A venda dun paquete de 25 oficinas a Banco Espírito Santo, cos seus respectivos traballadores, tamén a coñeceron da mesma maneira. Esta e outras decisións, que cualifican de "despropósitos", é o que vén de "obrigar" a NGB a dar por rematado o periodo de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que formularon para 750 persoas. 

"Todo o persoal coñeceu a través do portal do empregado a nova marca comercial para a Rede-2 co nome de Evo Bank"

O sindicato CSICA informou, a través dunha circular, que o departamento de Recursos Humanos vai iniciar "o período de consultas dun novo Expediente de Regulación de Emprego para poder implantar as medidas en abril". A firma adia, así, medidas como o peche de oficinas que pretendían clausurar a mediados deste mesmo mes. A marca EVO, da que Praza informou en exclusiva a pasada semana, vaise manter. O que se suspende polo de agora é o novo horario que se quería instaurar nas mesmas, de mañán e tarde, debido á falta de acordo cos traballadores. A intención inicial do equipo de José María Castellano era a de que a apertura destas sucursais ata as 20:00 horas se puxese en marcha o 12 de marzo.

Evo Bank

"Todo o persoal coñeceu a través do portal do empregado a nova marca comercial para a Rede-2 (Oficinas fundamentalmente fóra de Galicia, excepto Asturias e León) co nome de Evo Bank", apuntaron este luns desde UGT. "O persoal das oficinas afectadas decatouse uns días antes, dependendo se tiñan posto o rótulo coa nova marca ou non", engadiron. O mesmo sindicato asegura que o venres "houbo chamadas" para informar aos traballadores de que o luns "non debían abrir" as sucursais porque "tecnicamente estaban pechadas".

"Á clientela non se lle avisa, debe ser a nova forma comercial de tratamento coa mesma", ironizaron noutra circular aos afiliados. "Ademais, de premio, a algúns compañeiros e compañeiras que lles dixeron á primeira hora da mañá que a súa oficina se pechaba, a ultima hora o xefe de quenda volvíalles a chamar para dicirlles que non, que a súa oficina agora xa non pecha".

CCOO, UGT e CSICA manteñen, para este mércores, unha convocatoria de protesta para as 18:00 horas fronte á sede da fundación na Coruña.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.