A Xunta cambia de versión e atribúe o atraso no pagamento do Risga a cuestións burocráticas

A conselleira de Benestar, Beatriz Mato CC-BY-SA Conchi Paz

Os perceptores da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) da Coruña padeceron o mes pasado un atraso na recepción da axuda que lles corresponde, tal e como recolleron varios medios de comunicación. Desde a Consellería de Traballo aseguraron, como publicou a edición de Galicia de El País, que o atraso se debera a "un problema técnico cunha aplicación que só afectou á provincia coruñesa" e que, en calquera caso, xa se dera a orden de pagamento. Non obstante, e en resposta a unha pregunta escrita formulada pola deputada Ana Luisa Bouza (BNG), o departamento que dirixe Beatriz Mato asegura que o problema foi burocrático.

"Debido ao cambio de exercicio os poden prolongarse no primeiro mes uns poucos días máis do habitual"

Traballo recoñece que a mensualidade de xaneiro do Risga foi fiscalizada o día 3 de febreiro, e a orde de pagamento non se produciu ata o día 7. A Xunta incide en que os beneficiarios destra prestación, que se concede en casos de emerxencia social por extrema necesidade, "normalmente" reciben a transferencia nos cinco primeiros días do mes seguinte (págase a mes vencido). Pero o mes de xaneiro foi "excepcional". "Debido ao cambio de exercicio os poden prolongarse no primeiro mes uns poucos días máis do habitual". Nada di dun erro informático. "As circunstancias de xaneiro de 2012 foron extraordinarias", culmina a resposta á deputada nacionalista.

 

A RISGA

A Renda de Inserción Social é, como explica a administración, unha prestación social destinada a "garantir recursos económicos de subsistencia a quen careza deles, así como conseguir a súa autonomía e integración normalizada" mediante a execución dun proxecto personalizado de inserción. Os beneficiarios desta renda deben ter entre 25 e 65 anos. A contía da axuda é do 75% do IPREM (399,38 euros) máis un complemento familiar variable en función do número de membros do fogar (aínda que as familias que sexan beneficiarias desta axuda durante 4 anos ou máis só podran cobrar até 347,60 euros no 2011, sen complementos).

En comparecencia parlamentaria, Mato cifrou nunhas 3.000 as solicitudes do Risga formuladas en 2011, cifra que a oposición elevou ata as 10.000. Non existen datos públicos ao respecto.

Estrato da resposta Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.