Os "abusos" da industria poñen en perigo o acordo para un prezo digno do leite

Protesta sindical polos prezos do leite © Sindicato Labrego Galego

O acordo para o establecemento de prezos xustos para o leite "podería rebentar" nos vindeiros días ante os "abusos comerciais" que está a cometer a industria láctea. Así o advirte o Sindicato Labrego Galego (SLG), que acusa a algunhas empresas de "presionar" as explotacións para que asinen contratos retroactivos para o produto vendido nos últimos meses de 2012 e "a prezos ruinosos".

O SLG acusa a Lactalis e Leite Río de "presionar" as explotacións para asinar contratos retroactivos "a prezos ruinosos"

Segundo o sindicato, Lactalis é unha das compañías que está a presentar en xaneiro contratos para pagar o leite que mercou en novembro e decembro. Ademais, a galega Leite Río estaría a ofrecer contratos de seis meses que inclúen o último trimestre de 2012 con prezos de 27 céntimos por litro.

"Tentan forzar a sinatura de contratos para mercar un produto que xa foi vendido, pagado e elaborado, o cal é de dubidosa legalidade", denuncia o SLG nun comunicado, tras advertir tamén de que hai algunha explotación que deixou de venderlle a Lactalis en decembro para cambiar de industria, pero que está a sufrir as presións da empresa "para que asine igual".

Ademais, varios gandeiros denunciaron que estas empresas intentan obrigar a asinar ás explotacións "dicíndolles que o contrato é obrigatorio para poder acceder ás axudas da Política Agraria Común (PAC), algo que é totalmente falso" e que fan que as prácticas comerciais destas industrias "semellen máis unha tentativa de extorsión ou estafa, antes que operacións normais de compravenda".

"Estas prácticas demostran a escasa vontade da industria por acordar prezos dignos en orixe"

Para o SLG, este tipo de relacións mercantís "abusivas" demostran "a escasa vontade da industria láctea por tentar chegar a acordos de prezos dignos en orixe" que salven o sector lácteo galego do abismo no que o está afundindo, precisamente, este xeito "mafioso" de comercializar o leite.

O SLG lamenta que sexa xusto neste momento, cando se está a negociar o mellor xeito de establecer un prezo que cubra os custos de produción e remunere dignamente as explotacións, industrias como Lactalis ou Río "ameazan con rebentar os fráxiles acordos acadados no sector" logo da dura folga de entregas do pasado novembro.

"O único xeito de que as industrias xoguen limpamente é impoñéndolles, a través de leis, normas que as obriguen a non pagar nunca por baixo dos custos de produción", asegura a organización agraria, que insiste en que os contratos en calquera sector agrogandeiro, "sen unhas normas e unhas leis que os regulen e impidan abusos, non só non lle serven ás explotacións para nada, senón que as obrigan a ter que aceptar o inaceptable: vender a perdas o produto do seu traballo".

Cartel denuncia na manifestación dos gandeiros CC-BY-SA Óscar Antón Pérez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.