O paro sobe en Galicia en xaneiro o dobre que no conxunto de España

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Mal dato para o emprego en xaneiro. O número de persoas inscritas nas oficinas de emprego creceu en España en 132.055 persoas en relación co mes anterior. A cifra total chega até un novo récord de 4.980.778 persoas. Ademais perdéronse 263.243 afiliados á Seguridade Social. O 82% do aumento do paro rexistrado en xaneiro dáse en traballadores procedentes do sector servizos, con 108.982 persoas máis. O Goberno agárrase ao único dato que pode ser entendido como positivo: o paro creceu menos que en xaneiro do pasado ano, cando a cifra de desempregados se incrementou en 177.470 persoas. A secretaria de Estado de Emprego, Engracia Hidalgo, afirma que "os datos correspondentes a xaneiro manteñen, un mes máis, a tendencia de ralentización do ritmo de aumento do paro rexistrado".

O desemprego crecen un 4,31% en xaneiro en Galicia, mentres que no conxunto do Estado a suba foi do 2,72%

En Galicia os datos son mesmo peores. 12 mil persoas inscribironse nas oficinas de emprego o últimos mes, deixando a cifra de persoas que buscan traballo en 290 mil, un novo récord histórico. O desemprego crecen un 4,31% en xaneiro en Galicia, mentres que no conxunto do Estado a suba foi do 2,72%. De feito Galicia é en termos relativos a segunda comunidade autónoma, depois de Navarra, na que máis aumenta o paro, que só cae en Baleares, Ceuta e Melilla. Nos últimos doce meses o desemprego aumentou en Galicia en 19.506 persoas.

O incremento do desemprego é maior en Lugo e Ourense, onde rolda o 5% en xaneiro. Ademais, en xaneiro realizáronse 7.492 contratos temporais en Galicia e tan só 1.670 contratos indefinidos. En canto á afiliación á Seguridad Social, o número segue baixando e en xaneiro ficou en Galicia en 912.184, un descenso de 15.199 persoas, un 1,64% menos que en decembro do ano anterior. Nos últimos doce meses a caida é de 36.547, un 3,85% menos.

 

Reaccións ao récord histórico do paro en Galicia

UGT pon o énfase en que "neste contexto de progresivo incremento da pobreza e deterioro social", hai que enfrontarse a taxas de cobertura por desemprego cada vez máis baixas

UGT-Galicia considera que a realidade sociolaboral galega atópase nunha situación de "gravidade excepcional" á que os gobernos, tanto central como autonómico, teñen que darlle resposta. O sindicato afirma que "esta non é a única política económica posible, hai que priorizar o emprego e o crecemento, fronte á loita contra o déficit". UGT avoga por un plan de emprego no que participen todos os poderes, estatal, autonómico e local, así coma todos os interlocutores sociais para evitar a destrución de máis postos de traballo e buscar novas posibilidades de creación de emprego.

UGT pon o énfase en que "neste contexto de progresivo incremento da pobreza e deterioro social", hai que enfrontarse a taxas de cobertura por desemprego cada vez máis baixas, xa en niveis mínimos, no 63,25 por cento, afastada do 68 por cento de hai un ano. No mes de decembro houbo 85.921 beneficiarios de prestacións contributivas, 64.136 de subsidio e 11.725 de renda activa de inserción. A todo isto se lle suman todas aquelas persoas que non reciben ningún tipo de prestación e "isto condúcenos a tensionar cada vez máis á sociedade que está a soportar xa a moita xente en situación de exclusión social e a moitos ás portas desta situación", segundo o sindicato. UGT lembra tamén que a contía media da prestación contributiva por desemprego en Galicia é de 881,2 euros, a terceira máis baixa de todo o Estado.

Para CC.OO., "peor que a suba do paro é "o desánimo que se produce en quen xa non procura emprego porque entende que en Galicia non hai perspectivas"

Para CC.OO., "peor que a suba do paro é "o desánimo que se produce en quen xa non procura emprego porque entende que en Galicia non hai perspectivas". Para a central "a situación agrávase, insiste, porque a Xunta insiste nas políticas de axuste e recortes, que só producen máis paro e desprotección ás persoas sen emprego, e finalmente pobreza e exclusión social". En opinión da secretaria de Emprego de CC.OO., Maica Bouza, "pódese facer outra política", comezando pola fiscal: "cómpre utilizar a capacidade normativa con que conta Galicia e modificar a lei de estabilidade orzamentaria para poder trazar outro escenario de gastos".

Para a CIG, tanto os datos absolutos como porcentuais constatan o “estrepitoso” fracaso das políticas que o Partido Popular ven aplicando no noso país, con 130.000 desempregados máis desde o ano 2008 ou, o que é o mesmo, un incremento do 80,4% no último lustro. Antonio López Rivera, secretario confederal de Emprego, denuncia que esta gravísima situación é consecuencia das políticas de austeridade que están afogando a economía e os sectores produtivos. A isto engade que “se Rajoy e Feijóo seguen a limitar a súa acción de goberno a acatar as nefastas decisións adoptadas en Bruxelas un, e en Madrid o outro, camiñamos cara un colapso da economía que terá aínda peores consecuencias para o emprego”.

O BNG fai un chamamento aos cidadáns para "reaccionar conxuntamente frente aos alarmantes datos do paro"

Pola súa banda, o BNG fixo un chamamento aos cidadáns para "reaccionar conxuntamente frente aos alarmantes datos do paro" e impedir así que o PP "desfaga o país" e “nos conduza a unha situación de auténtico abismo social”. Montse Prado, voceira de emprego do BNG, preguntouse "que máis ten que pasar para que a Xunta asuma que a situación é claramente de emerxencia" e salientou que “este mes, e xa van moitos consecutivos, Galiza perde máis emprego que a media do Estado”.

Vista dunha oficina de emprego © Encomun.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.