As traballadoras galegas cobran case 5.000 euros menos ao ano que os homes

Mariscadoras en Camariñas CC-BY-NC-ND brindavoine2002

Este venres celébrase o Día internacional da igualdade salarial entre homes e mulleres e son moitas as voces que advirten de que a crise "está deixando de lado cuestións fundamentais como a igualdade". Así o asegura UGT-Galicia, que lembra que a situación no país evidencia "a persistencia das diferenzas salariais" e demanda aos poderes públicos medidas urxentes que "muden o rumbo da política económica" e que "invistan en igualdade de oportunidades, que é investir en maior benestar social".

Os salarios medios das mulleres en Galicia son un 23,1% inferiores aos dos homes

Segundo os últimos datos disponibles que achega UGT, e que recolle nun completo informe, os salarios medios das mulleres foron en Galicia un 23,1% inferiores aos dos homes (o salario medio anual dos homes foi de 20.393 e o das mullleres de 15.688)", o que supón case 5.000 euros menos ao ano. Malia que o dato xa é negativo, o sindicato advirte de que, a causa da crise, "a muller cada vez está sendo máis a sustentadora dos fogares debido á maior incidencia do desemprego entre os homes".

Dende o ano 2009 si que se observou unha continua diminución das diferenzas salariais, debido á menor suba de ingresos dos homes, froito da destrución de empregos na industria ou na construción e da conxelación ou redución salarial derivada da crise. Pero ademais, e segundo UGT, foron as leis de igualdade e o conxunto de medidas aprobadas desde o Estado e a Xunta no período 2006-2007 as que contribuíron a diminuír esta fenda e que agora "se están abandonando" e cuxas consecuencias negativas "vanse deixar sentir, sobre todo nos vindeiros anos".

UGT advirte de que o abandono das políticas de igualdade traerá consecuencias aínda máis negativas "nos vindeiros anos"

Porque hai moitísimo que mellorar. Ademais dos datos globais, se facemos unha comparación entre autonomías, "Galicia tamén sae mal parada". Así, os ingresos medios das mulleres galegas son de 15.688 euros, 579 euros inferiores á media dos salarios das mulleres do resto do Estado. E iso "tendo en conta que en todas as comunidades autónomas os salarios das mulleres son inferiores aos dos homes", di o sindicato, que a nivel estatal xa realizara un informe no que se destacaba que as mulleres cobran un 16,2% menos que os homes de maneira xeral.

Os ingresos medios anuais das mulleres galegas son  579 euros inferiores á media dos salarios das do resto do Estado

Para reparar aínda máis nas desigualdades salariais, abonda con fixarse na ganancia por hora normal traballada, un indicador que evita calquera desviación salarial por mor da temporalidade ou as xornadas a tempo parcial. Así, no caso das mulleres en Galicia esta é de 11,51 euros a hora, un 13,43% inferior á dos homes. Tan só en Canarias hai unha retribución por hora inferior no caso das mulleres, de 11,44 euros á hora.

Se a análise se fai por sectores, queda tamén claro que os salarios das mulleres galegas "tamén son en todos os casos inferiores aos dos homes". A maior diferenza retributiva dáse na agricultura e gandeiría, do 34,7%, e nos servizos a empresas, onde aínda sendo maioría as mulleres (o 55,3% do total), perciben un salario un 34% inferior. As menores diferenzas danse na construción e servizos sociais, cunha brecha salarial dun 6,7% e dun 18,22%, respectivamente. "No caso da construción, a explicación é evidente, só representan o 12,5% do total pero ao ser, maioritariamente, as súas funcións de tipo técnico, comercial ou de xestión, están mellor retribuídas", aclara UGT.

A brecha salarial segue a ser maior no caso do sector privado, do 29,4%, fronte ao 12,6% do público

Ademais, a brecha salarial segue a ser maior no caso do sector privado, do 29,4%, fronte ao 12,6% do público. "Non se pode esquecer que os recortes impostos polas administracións aos traballadores deste último, maioría mulleres, acarrea maiores prexuízos para estas traballadoras", advirte UGT, que lembra que o tipo de xornada e contrato tamén afectan as diferenzas salariais. O tempo parcial prexudica gravemente o salario feminino, cobrando un 25,9% menos que un home coa mesma contratación e un 37,4% menos que un home con contrato a tempo completo. É importante destacar tamén que "non hai nin un 5% de homes con contrato a tempo parcial, fronte a un 20% de mulleres ocupadas nesta modalidade contractual".

Malia todo isto, hai unha clave máis importante que explica a inxustiza salarial sufrida polas mulleres: os complementos. Do total do salario bruto no caso das mulleres, o 72,67% é salario base, fronte ao menor peso no caso dos homes, o 67,88%, o que indica o forte peso que teñen os complementos salariais no caso masculino. De feito, dende UGT-Galicia consideran que "actuando sobre estes poderían reducirse en gran medida as desigualdades entre homes e mulleres".

Por outra banda, e como é obvio, as prestacións por desemprego e as contías das pensións tamén reflicten a realidade denunciada. As mulleres teñen menos acceso ás prestacións por desemprego, polas escasas cotizacións. No ano 2011 as beneficiarias de prestacións por desemprego en Galicia eran menos e percibían unha prestación media anual un 19% inferior á dos homes.

En materia de pensións, tamén son as grandes prexudicadas as mulleres. O importe medio mensual no caso das contributivas no 2012 para as mulleres foi de 556,29 e no caso dos homes chegou ata os 873,87 euros. Se se teñen en conta só as pensións de xubilación, o diferencial é aínda maior, un importe medio de 583,72 para as mulleres e de 941,69 euros para os homes.

Outro dato moi significativo é que das persoas beneficiarias de pensións de xubilación non contributivas da Seguridade Social en Galicia un 78% son mulleres. "Evidénciase así que son moitas as mulleres que ao final da súa vida laboral teñen que demandar este recurso por carecer de cotizacións suficientes como consecuncia do xa denunciado anteriormente", finaliza UGT.

Mariscadoras nunha ría galega CC-BY-NC-ND Jon Reporperro

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.