A mina de Corcoesto contrata unha ETT para seleccionar o seu persoal

Manifestación contra a mina de Corcoesto en Coristanco © Monte Pindo Parque Natural

Un total de 271 empregos, aos que xa optan unhas 1.400 persoas. É a materia prima que vai xestionar a empresa de traballo temporal Adecco por encarga de Mineira de Corcoesto, isto é, a marca que adopta en Galicia a empresa canadense Edgewater para explotar o xacemento aurífero de Bergantiños. Entre a oposición da plataforma veciñal, de colectivos ambientalistas e das forzas políticas diferentes do PP, a compañía mineira vén de anunciar a súa aposta pola "recoñecida empresa de recursos humanos" para comezar a peneirar candidaturas.

Será en Coristanco, Cabana de Bertangiños e Ponteceso onde Adecco "recollerá os datos e darlles cita aos aspirantes para, nun encontro posterior, coñecer o seu perfil profesional con máis profundidade". Farano en locais habilitados para a ocasión nos que tamén estarán presentes "técnicos de Mineira de Corcoesto que lles facilitarán información sobre o proxecto mineiro". Con estas entrevistas e encontros informativos Edgewater prevé formar un cadro de persoal que estará composto, "ata o 80%", por "operarios sen titulación específica" que recibirán formación da propia empresa.

O 80% do persoal da mina serán "operarios sen titulación específica", di a empresa

Malia non informar sobre as condicións deste cadro de persoal nin sobre o seu destino unha vez que a mina remate o seu período de explotación, Mineira de Corcoesto difunde entre os medios de comunicación o seu "compromiso de priorizar a poboación local na súa política de contratación co obxectivo de contribuír a dinamizar a economía local". Estes argumentos son practicamente idénticos aos transmitidos dende a Xunta para defender a mina, se ben rebaixan notablemente o compromiso de emprego: o ex conselleiro de Industria, Javier Guerra, estimou os posibles empregos en arredor de 500 e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, chegou a falar de 1.371.

O PP protexe a declaración de impacto ambiental

Mentres a empresa difundía o inicio dos traballos da ETT no Parlamento o PP botaba por terra unha iniciativa coa que o BNG procuraba frear a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) coa que a Xunta lle deu aval á mina. O encargado de defendela, Carlos Aymerich, argumentou a necesidade de tombar a DIA non só por cuestións estruturais como "que se aproveite a crise para promover proxectos que en situación normal terían difícil aceptación social", senón tamén pola "falta de rigor" do propio documento, "un copia e pega do estudo de impacto ambiental achegado pola empresa" no que non hai "nin a mínima obxectividade".

O PP admite "riscos" ambientais na explotación pero segue adiante co seu aval ambiental

Nesa DIA, subliña Aymerich, "hai unha serie de irregularidades denunciadas pola plataforma" que se opón á mina, "por diferentes sociedades ambientais e por técnicos da Universidade de Vigo". Entre elas, cita, está a inexistencia "dun estudo da concentración de arsénico no río Anllóns" ou a ausencia dunha "valoración sobre o impacto que vai ter" a explotación "nos bancos marisqueiros de Corme e Laxe" e "no esteiro do río Anllóns", un espazo protexido. Ademais, censura, o Goberno galego "non cuestiona a falta de garantías financeiras" por parte da empresa para facerlles fronte a eventuais accidentes. "Estamos -resume- ante unha DIA insuficiente e pouco rigorosa que debe ser anulada".

Fronte ao entusiasmo doutros membros do PP, o voceiro conservador no debate, Daniel Varela non só manifestou "respecto" polos argumentos e as "cautelas" ambientais da oposición e da veciñanza, senón que ademais asegurou "comprender moitos deles". Neste contexto, Varela mesmo chega a recoñecer que "hai moitos argumentos, dende o punto de vista do impacto ambiental"  xa que "este proxecto, como é lóxico, ten os seus riscos". Non obstante, e evitando facer unha defensa aberta do proxecto, o popular ampárase en que Aymerich non foi "rigoroso" na presentación da súa iniciativa, por non citar certas directivas europeas e mesmo a Lei de Minaría do bipartito. Así, o aval ambiental da Xunta á mina seguirá en vigor sen problemas. "O PP está ao servizo de Edgewater" e "dentro de cinco ou seis anos enterarémonos de onde foron os cartos desta empresa e que sobres nutriu", augura Aymerich, en cuxa opinión a empresa e a Xunta "xogan coa necesidade da xente".

Aymerich e Varela, durante o debate CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.