0 Gardados para despois

O rexeitamento á reforma laboral protagoniza o Día da Clase Obreira Galega

Redacción | @prazapublica

O cuadraxésimo aniversario do asasinato dos traballadores do naval ferrolán Amador Niebla e Daniel Rey sacou este sábado ás rúas das principais cidades e vilas galegas a milleiros de persoas, nun Día da Clase Obreira Galega marcado polo rexeitamento á reforma laboral impulsada polo Goberno central, acabada de aprobar polo Congreso dos Deputados. Con Ferrol e Vigo como puntos centrais das manifestacións e actos conmemorativos, tanto a CIG como CC.OO. consideraron que os "dereitos" polos que loitaban Niebla e Rey son actualmente "atacados" polo paquete de medidas do gabinete presidido por Mariano Rajoy.

Pola banda da CIG, a xornada foi tamén de "preparación" para a folga xeral do vindeiro día 29. Durante a ofrenda floral ante o monumento ao 10 de Marzo, en Ferrol, un dos voceiros da central sindical, Manel Grandal, considerou a reforma como unha peza máis do "golpe de estado do capital". "Mirándonos no espello de Amador e Daniel, digámoslles non. Somos nós a maioría social e o poder a ser noso”, sinalou ante os presentes. Na mesma liña, os secretario xeral da CIG, Suso Seixo, explicou que a xornada de "reivindicación, máis que de celebración", tiña onte o marco do "empobrecemento xeralizado da clase obreira fronte ao incremento dos beneficios do capital". "Pero o capital non se conforma, quere máis", afirma, e por iso a reforma laboral "busca a individualización das relacións laborais, desmantelando a negociación colectiva e o dereito á folga.

Fronte a estas medidas, Seixo sinala que as propostas da central nacionalista pasan por "fiscalidade progresiva, control da fraude, redución do gasto militar e das axudas á Igrexa, banca pública" e "traballo fixo e salarios dignos", entre outras. “Despois de anos de loita e sacrificios, agora atopámonos con que o PP, a dereita, o capital, pretenden recortarnos dereitos e levarnos a unhas condicións laborais de hai 50 anos”, conclúe.

Toxo, en Ferrol

Os actos de Comisións Obreiras tiveron Ferrol como centro e estiveron encabezados polo secretario xeral confederal do sindicato, Ignacio Fernández Toxo, quen reivindicou o traballo de CC.OO. e as súas "raíces" na "longa noite de pedra", con "acontecementos tan duros" como os asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla. "A memoria é o contrario da amnesia", explicitou Toxo, para lembrar que "as raíces da Europa moderna están no pacto social" e a "redistribución da riqueza". "A primeira distribución é no centro de traballo, a través do salario e das condicións laborais e a forma de distribuír a riqueza é a negociación colectiva, sinala". Neste marco, Toxo coida que a crise "non pode ser a coartada que leve a desmantelar as bases do Estado social". Por iso, di, CC.OO. maniféstase e presenta "alternativas" á "ditadura dos mercados".

CC.OO. fixo unha ofrenda floral no monumento aos obreiros asasinados, en Ferrol

CC.OO. fixo unha ofrenda floral no monumento aos obreiros asasinados, en Ferrol

CC.OO. fixo unha ofrenda floral no monumento aos obreiros asasinados, en Ferrol

Na ofrenda participou o secretario xeral do sindicato, Ignacio Fernández Toxo

A seguir, CC.OO. concentrouse na Praza de Armas da cidade

A seguir, CC.OO. concentrouse na Praza de Armas da cidade

A manifestación da CIG en Santiago

A CIG celebrou manifestacións en oito cidades, entre elas Compostela

A manifestación da CIG en Ferrol

A manifestación da CIG na Coruña

A manifestación da CIG en Pontevedra

A manifestación máis importante da CIG tivo lugar en Vigo

A manifestación máis importante da CIG tivo lugar en Vigo

Día da Clase Obreira Galega

Os sindicatos celebraron por separado o 10 de marzo, que lembraba os corenta anos dos asasinatos de Amador Rey e Daniel Niebla en Ferrol. A CIG reuniu 20 mil persoas en oito mobilizacións (Ferrol, A Coruña, Compostela, Lugo, Ourense, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía e Ribeira), mentres que CC.OO. se concentrou en Ferrol, coa presenza do secretario xeral do sindicato, Ignacio Fernández Toxo, e adiando as manifestacións para este domingo 11 de marzo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.