O goberno do PP en Cangas cancela tres contas en Novagalicia pola "estafa" das preferentes

Manifestación dos afectados polas preferentes en Santiago Dominio Público @auribra

Outro alcalde do PP rebelouse contra o que considera a "estafa" das preferentes. O rexedor popular de Cangas, José Enrique Sotelo, decidiu cancelar tres das cinco contas que o Concello ten en Novagalicia Banco. Foi el mesmo o que acudiu a unha oficina da entidade na súa localidade e pechou as devanditas para "non ser cómplices desta basta estafa" e asegurou que se non pechaba máis era por "problemas técnicos" con outras dúas.

O Concello de Cangas pecha as contas para "non ser cómplice desta basta estafa"

Sotelo anunciou a apertura dunha "nova vía de asesoría xurídica" para os afectados, ben cos propios medios municipais ou mesmo contratando outros; e que se recompilarán os casos máis rechamantes "para que a Fiscalía actúe de oficio". Pero o alcalde de Cangas pediu "unha solución" a Novagalicia Banco porque entende que un problema que "leva un ano" e aínda "non está resolto" implica que todos poidan facer "un pouco máis". "Pido un último esforzo", destacou.

No entanto, Sotelo di ser consciente de que rexedores do PP da provincia de Pontevedra -presionados polas plataformas de afectados- e o propio partido están a traballar para arranxar o problema. El mesmo di que está a facer "de todo e máis", pero insiste en que non é a solución. Respecto das peticións dos colectivos para que os alcaldes do PP se dean de baixa de non alcanzarse unha solución ao problema, Sotelo atribúeas a "outros intereses".

Os afectados buscan nos rexedores do PP un compromiso semellante ao feito hai varias semanaspolo rexedor e concelleiros do goberno local de Oia, que aseguraron que marcharían do PP se non se devolvían os cartos das preferentes e que acusaron o Estado e á Xunta de permitir "unha inxustiza".

Protesta realizada este verán © Plataforma de afectados polas participacións preferentes da Mariña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.