Admitida unha querela contra un alto cargo da TVG por "presunta prevaricación e desobediencia"

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

"Un presunto delito de desobediencia e prevaricación". É do que aprecia "indicios" a titular do Xulgado de Instrución número 1 de Santiago, que vén de admitir a trámite a querela presentada por cinco ex traballadores da Televisión de Galicia contra o director da división de Recursos Humandos da compañía pública. A través dun auto ditado o pasado 1 de marzo ao que tivo acceso Praza Pública, a maxistrada inicia un procedemento que vén ser o enésimo capítulo dun percorrido xudicial que se remonta ao ano 2007, cando o persoal que agora demanda o alto cargo interpuxo a primeira denuncia contra a TVG.

Aquela denuncia non ía contra ningunha persoa en concreto, senón contra a TVG e contra unha produtora audiovisual por "cesión ilegal de traballadores". O persoal "prestaba servizos directos" á canle pública malia estar contratado por outra empresa, de aí a colisión coa legalidade. Pero, "uns días despois de interpoñer a demanda por cesión ilegal", detalla un dos traballadores en conversa con este diario, a TVG "prescindiu do servizo da produtora". No verán de 2008 un xulgado do Social da capital galega "recoñeceu a cesión ilegal de traballadores", pero tamén unha vulneración da "garantía de indemnidade, un dereito fundamental amparado pola Constitución", segundo o cal "non podíamos ser despedidos ata que o xulgado resolvese". 

O TSXG e o Supremo déronlles a razón aos traballadores, que censuran que a TVG "desoíse" as sentenzas

A sentenza que recoñecía a cesión ilegal de traballadores levaba aparellada unha declaración de nulidade dos despedimentos e unha condena: "a empresa contratante", a TVG, "tíñanos que readmitir facendo a mesma actividade que antes", a realización de conexións en directo, coas mesmas quendas e as mesmas condicións. "E aquí empeza o problema". A xuíza encargada do caso "tivo que requirir varias veces" á compañía pública "para que nos readmitise". Despois produciuse esa readmisión, pero "non nos postos nos que, por sentenza, tiñamos que estar, nin na quenda que deberíamos facer, nin organizando os equipos como debería, nin cobrando o que nos correspondía" en virtude do propio ditame. Ignorábase, polo tanto, o que ordenaban as sentenzas.

Eses incumprimentos levaron os traballadores a demandar de novo á compañía, primeiro ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, onde gañaron, e despois ante o Tribunal Supremo, onde chegaron a causa dun recurso interposto pola TVG. En 2010 o Supremo tamén fallou a favor do persoal demandante: os traballadores deberían ter a consideración de "indefinidos" na TVG e, cando se celebrasen as oposicións na compañía, terían que "crearse prazas específicas, ás que teríamos que concorrer en concurso". Pero "déusenos un código para oposición que considerábamos ilegal", dado que "nós éramos indefinidos", relatan os traballadores. Finalmente, e malia "ás advertencias do comité de empresa", "deciden botarnos", decisión que orixina a querela que vén de ser admitida a trámite.

Sede da CRTVG, en Santiago © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.