NGB poderá suspender temporalmente de contrato ao 75% dos traballadores

Oficina de Evo Bank en Salamanca © Sergio Barbeira

Hai acordo entre Novagalicia Banco e os sindicatos CCOO, CSICA e UGT para reducir o número de persoal en 700 traballadores máis. E, sobre todo, para aliviar o custo de explotación mediante a redución de xornada, salario e o peche de oficinas. E é un preacordo que se fai público o mesmo día en que, en Madrid, tivo lugar a presentación de EVO Banco. Esta é a nova marca comercial, que adiantou Praza en exclusiva, coa que NGB operará na rede exterior (agás en Castela e León e Asturias). Os sindicatos asintantes consideran que o acordo é positivo e non quixeron agardar ata o día da sinatura para dalo a coñecer.

Novagalicia Banco adelgaza por dentro e por fóra cunha marca, EVO, que se cualifica de "intelixente" e destaca a sinxeleza do seu nome. Non aparece Galicia na nomenclatura. A fidelidade da clientela que non é galega esperan gañala e captala cun depósito especial que non cobra comisións na retirada de cartos en caixeiros de "calquera rede" do Estado. Non sucede o mesmo en Galicia coa tarxeta de débito dos clientes de NGB. A tarxeta MasterCard débito ten, a partir do segundo ano, un custo de mantemento de 18 euros.

O acordo laboral

A base do acordo, e o que máis destacan os empregados, é que non se aplica a reforma laboral. A norma estatal posibilita a unha empresa a presentar un ERE por causas económicas e organizativas e en previsión de caída de vendas e beneficios. Os traballadores terán ata o 31 de marzo para acollerse ao programa de baixas incentivadas acordado o 21 de xullo de 2011 para un total de 350 persoas. Este plan non foi ben acollido polos traballadores, se ben fontes internas da compañía aseguran que nas últimas semanas as solicitudes para acollerse ao mesmo medraron "considerablemente". A partir do 1 de abril esta medida será retirada.

Será entón cando entre en vigor o novo programa de reestruturación e reorganización do cadro de traballadores. Con este acordo a entidade "poderá suspender de maneira rotativa o contrato de traballo ou reducir a xornada de até o 75% dos empregados do seu persoal, a través de calquera das seguintes fórmulas", reporta a circular dos sindicatos asinantes.

1. Suspensión do contrato de traballo de até seis meses consecutivos, que poderá comezar en calquera data comprendida entre o 1 de abril de 2012 e o 1 de outubro de 2014

2. Redución da xornada anual de até o 25% da mesma durante un período de dous anos, que poderá comezar entre o 1 de abril de 2012 e o 1 de outubro de 2012

3. No caso de traballadores afectados por peches ou restructuración da rede de oficinas, e cun límite de 450 traballadores afectados, a suspensión do contrato poderá ser de até un ano e a redución de xornada de até o 50% durante un período de dous anos

Nos tres casos os traballadores deberán compatibilizar o correspondente salarial (nos de suspensión, unha doceava parte do 20% do salario anual) e o desemprego. Durante o período de suspensión, segundo os sindicatos, o traballador sumará ese tempo como antigüidade na empresa.

Baixas incentivadas

O programa de baixas incentivadas, para 700 persoas, estará dispoñible durante dous anos. Tendo en conta as medidas legais adoptadas recentemente para desincentivar e penalizar a saída do mercado de traballo dos traballadores de máis idade, "a entidade poderá rexeitar a extinción do contrato dos traballadores con 50 ou máis anos de idade que manifesten a súa vontade de acollerse á medida de baixa indemnizada", di a circular. A indemnización será de 45 días por ano traballado cun máximo de 42 mensualidades. Non excederá dos 200.000 euros.

A partir de xaneiro, e agás no caso das persoas que cobren menos de 25.000 euros brutos ao ano, os salarios serán reducidos entre 2 e o 14,6%. A empresa presentara un plan segundo o cal os salarios máis elevados, especialmente para a alta dirección, se reducirían nun 30%.

Imaxe corporativa de Novacaixagalicia © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.