Aforradores aumentan a presión a dous días de coñecer a quita imposta ás preferentes

Xavier Vence, cos afectados pechados no Concello de Tui © BNG

Será o vindeiro venres cando o FROB decida cal é a quita que impón ás participacións preferentes e subordinadas de Novagalicia Banco. E será un día clave para os 60.000 afectados por estes produtos financeiros en Galicia, que coñecerán cantos dos seus aforros perderán, unha vez que o Fondo detalle como será o troco que se impoña. Sabedores de que o Banco de España xa anunciou que se aplicará unha quita de entre o 70% e o 30% sobre os cartos investidos e de que recibirán a cambio accións, milleiros de familias intensifican as súas protestas a tan só dous días de coñecer un veredito que máis que un alivio semella que será un novo golpe para as súas aspiracións.

O FROB decide o venres cal será a quita que se aplicará sobre os cartos investidos

Se o martes eran varios edís populares de Ponteareas os que liscaban polas fiestras ante un duro e tenso pleno polas protestas dos afectados polas preferentes, este mércores foron o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, e o delegado do Goberno, Samuel Juárez, os que foron retidos durante a visita das autoridades ás obras da depuradora de Vigo. A desesperación dos aforradores espállase por numerosos actos a onde acoden cargos públicos do PP, pero tamén en numerosos plenos de concellos, onde reclaman unha solución política na que perden toda esperanza. "Parece claro que solución política non vai haber ningunha", asumen xa algúns.

Tras os altercados no pleno de Ponteareas, o conselleiro Hernández e o delegado do Goberno foron retidos este mércores en Vigo

Ante esta tensa espera, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, di "comprender" a desesperación, pero ao tempo condena os actos vividos en Ponteareas e en Vigo, que considera "actitudes violentas duns poucos" que poden facerlle perder a razón ao resto de afectados.

Pero a preocupación é evidente. O FROB porá enriba da mesa este venres unha quita e o troco por accións destas participacións preferentes. No entanto, ningún dos afectados ten claro en que consistirá ese intercambio ao non ser Novagalicia un banco cotizado que posibilite a venda dos seus títulos. O Goberno avanzou que procura un mecanismo para que os propietarios reciban cartos en efectivo, pero non hai detalles de como será.

Organizacións de consumidores e avogados recomendan non asinar o troco para non pechar a vía xudicial

Ademais, organizacións de consumidores alertan dos trocos de preferentes por accións, advertindo de que asinar o acordo podería supoñer tamén aceptar algún tipo de cláusula de renuncia ou de limitación das posteriores demandas xudiciais. De feito, son tamén avogados os que recomendan non asinar ese troco, temendo que implique quedar sen vía xudicial ningunha. Mentres, as plataformas de afectados agardan a coñecer con detalle o que decida o FROB, aínda que hai colectivos que entenden que acudir ao troco non implicará sinatura ningunha. De todos os xeitos, son claros. "Non imos firmar nada porque isto non é un troco, é un roubo". Da arbitraxe, pouco agardan a estas alturas.

En definitiva, demasiadas dúbidas aínda sobre un conflito que tampouco semella que acabe ben. "A partir do venres, de confirmarse o que se espera, a cousa pode ir a peor", advirten desde as colectivos de afectados. Con varios deles que permanecen pechados na Casa do Concello de Tui reuniuse este mércores o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que entregou unha carta a todos eles no que se expresa o apoio do Bloque "aos aforradores estafados" e que será remitida tamén ao resto de plataformas.

O BNG envía unha carta a todas as plataformas de afectados mostrando o seu apoio aos "aforradores estafados"

O voceiro nacionalista asegura que os aforradores foron expropiados por unha “decisión inxusta”do Goberno do Partido Popular imposta a través dunha lei de excepción económica e aclara que o BNG sempre rexeitou “a fraude e a ilegalidade” destes produtos, ademais de culpabilizar das “condicións da quita”, que será anunciada polo FROB o vindeiro venres,  ao PP e á troika.

Ante o anuncio do  FROB deste venres, Vence reclamou “a urxente reconsideración dos acordos de conversión e canxe de preferentes subordinadas estabelecidos  polo Goberno central e a devolución “integra” das cantidades "estafadas" por produtos financeiros complexos.

Para Vence, a Xunta e o Banco de España tamén “fixeron a vista gorda” mentres miles de afectados e afectadas por esta estafa eran enganados con información “falaz”. Así, acusou de “trileiro e mentirán” a Núñez Feijóo por consentir que a banca e as caixas xogasen coa confianza dos afectados vendéndolle falsas esperanzas con consecuencias terribles para moitas familias galegas.

Vence tamén reparou na necesidade de conseguir  un Parlamento galego  “soberano” que poida aprobar resolucións xurídicas e eficaces "en defensa de  Galiza e de todos os galegos". O voceiro nacionalita aludiu a un acordo parlamentario por  “unanimidade” na Cámara galega para unha saída xusta para os afectados das preferentes, pero o noso Parlamento, afirmou, “non é soberano” e as súas resolucións non “meros brindes ao sol”.

Xavier Vence, cos afectados pechados no Concello de Tui © BNG
Manifestación dos afectados polas preferentes na Coruña © Daniel Candal

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.