0 Gardados para despois

A decisión da CIG de manifestarse en solitario o 29-M provoca o primeiro roce con CCOO e UGT

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Só pasaron catro días despois de que UGT e CCOO anunciaran a convocatoria de folga a nivel estatal e que, por tanto, se sumaban á xa anunciada pola CIG. Pero xa se produciu un pequeno roce entre as tres centrais. O secretariado confederal da CIG decidiu este martes acordar con CCOO e UGT a coordinación de "todo o traballo previo á folga xeral e o do propio día 29 de marzo, para garantir o máximo éxito posible da convocatoria". Haberá accións conxuntas, tamén, no tocante ás sesións informativas nos centros de traballo e convenios colectivos.

O organismo confederal do sindicato nacionalista decidiu celebrar manifestacións propias o día 29

O problema xurde coas mobilizacións. O organismo confederal do sindicato nacionalista decidiu celebrar manifestacións propias o día 29. De novo, como é xa habitual, haberá dúas manifestacións por separado: as que encabezarán os carteis de UGT e Comisións Obreiras e as da CIG, ás que previsiblemente se sumarán a CUT e máis a CGT. CCOO e UGT non tardaron, a través dunha nota aos medios, en responder a esta decisión do sindicato que dirixe Suso Seixo.

As centrais que comandan José Antonio Gómez (UGT) e Xosé Manuel Sánchez Aguión (CCOO) aseguran "respectar" da negativa da CIG diante da proposta "que se lles fixo para a celebración de xeito conxunto e unitario de manifestacións e actos en contra da reforma laboral e contra os recortes nos servizos públicos, que desembocaran na Folga Xeral o 29 de marzo". Iso si, "discrepan". Ambas as dúas centrais "fixeron esta proposta entendendo que conseguir a unidade de actuación de todas as centrais sindicais era o sentir unánime de todos os traballadores".

CCOO e UGT manifestaron a súa "vontade de traballar para conseguir o obxectivo común de que a Folga Xeral do 29 de marzo sexa un éxito e sirva para frear a reforma laboral"

Gómez e Aguión cren que "é moito máis importante a unidade nos obxectivos que as diferenzas puntuais que se poidan ter coa central nacionalista" e, neste sentido, "máis aló de que se realicen manifestacións conxuntas ou por separado", manifestaron a súa "vontade de traballar para conseguir o obxectivo común de que a Folga Xeral do 29 de marzo sexa un éxito e sirva para frear a reforma laboral e para evitar que a crise a paguen sempre os máis débiles".

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.