Os expertos rexeitan o modelo alemán para unha FP que gaña peso en Galicia

Alumnos e alumnas nunha aula dun ciclo formativo © Ministerio de Educación

Este curso é o primeiro no que hai máis galegos matriculados na formación profesional ca no bacharelato, aínda que as cifras de alumnos se manteñen lonxe da media europea e mesmo de Catalunya, onde os alumnos matriculados nos ciclos formativos aumentaron un 50 por cento nos últimos catro anos. Os expertos rexeitan o modelo alemán para a FP e reclaman investimentos para manter o bo nivel deste ensino.

Hai unhas semanas o ministro de Educación, José Ignacio Wert, anunciou a súa intención de reformar o sistema español de formación profesional, orientándoa cara o sistema de FP dual, seguindo o modelo alemán ou austriaco. Os expertos non ven a necesidade de realizar esta reforma e cualifican de "irreal" a aposta por ese modelo, polas diferenzas na estrutura produtiva entre España e eses países e polo bo funcionamento obxectivo dos estudos de formación profesional no Estado.

Os expertos non ven a necesidade de realizar esta reforma e cualifican de "irreal" a aposta por ese modelo, polas diferenzas na estrutura produtiva entre España e eses países e polo bo funcionamento obxectivo dos estudos de formación profesional no Estado

Para Antonio Rial, profesor de Ciencias da Educación na USC, “a formación profesional non necesita ningún cambio neste momento, e creo que os responsables da Consellaría, que coñecen ben a situación, pensan o mesmo. Se cadra se poden facer algunhas modificacións nos ciclos medios, pero os ciclos superiores funcionan moi ben, sobre todo grazas a un profesorado de primeiro nivel e moi comprometido coa formación”. En concreto, Rial afirma que a implantación do modelo alemán "non sería posible", porque "Alemaña ten un sistema dual no que as grandes empresas son as protagonistas, e funciona porque estas empresas teñen aulas-talleres, polo que o sistema non é moi distinto ao que temos aquí, e só no último ano os alumnos se insiren no proceso de produción real. Aquí a situación é moi distinta; as empresas non forman os seus propios activos. E en calquera caso as prácticas en empresas en España melloraron moito, por iso non vexo necesarias as reformas”.

"Alemaña ten un sistema dual no que as grandes empresas son as protagonistas, e funciona porque estas empresas teñen aulas-talleres, polo que o sistema non é moi distinto ao que temos aquí"

O mesmo pensa Concha Fernández, profesora de Formación Profesional Específica de Servizos Socioculturais e á Comunidade, que afirma que "o modelo alemán serve para un modelo produtivo e de servizos coma o alemán. Pero en Galicia que persoa entra nunha empresa e dentro dela continuar a súa formación? Sería unha reforma irreal, que poría en mans das empresas persoas cunha cualificación mínima. En Alemaña alguén entra en Siemens nun nivel básico e ir progresando; en Galicia o 95% das empresas teñen menos de sete traballadores".

 

A situación da formación profesional

A situación da formación profesional en Galicia é "boa en termos xerais", para Antonio Rial, aínda que advirte de que "hai algúns desaxustes en certas zonas máis rurais, ao teren unha oferta de ciclos formativos que moitas veces non se axusta á realidade produtiva da zona, e cunha oferta escasa, que limita as posibilidades de elección”. Porén, destaca, "os centros integrados, a calidade do profesorado e as novas especialidades fan que a formación profesional teña un gran valor. Aínda que as taxas de inserción baixaran por mor da crise, os estudantes de formación profesional están tendo máis aceptación laboral que os universitarios”.

"Os centros integrados, a calidade do profesorado e as novas especialidades fan que a formación profesional teña un gran valor. Aínda que as taxas de inserción baixaran por mor da crise, os estudantes de formación profesional están tendo máis aceptación laboral que os universitarios”

De feito, hai tres ou catro anos sete de cada dez técnicos formados na FP estaban traballando dous anos despois, mentres que agora a porcentaxe é do 43%, superior ao dos licenciados universitarios en todo caso. Rial conclúe que “A FP vai ocupar o espazo que merece e iso levará consigo un incremento das matrículas”.

Pola súa banda, Concha Fernández salienta que "a FP en Galicia conta con moi bos equipamentos, grazas a que houbo investimentos moi fortes durante moitos anos, cunha grande achega de fondos europeos, e as metodoloxías de traballo, nivel de formación e ratios de alumnado tamén son equiparable aos estándares dos países máis desenvolvidos da UE". Concha Fernández lembra, con todo, que dende o 2007 deixaron de entrar fondos europeos "e polo de agora a situación mantense porque en certa maneira estamos vivindo deses investimentos realizados anteriormente. Pero iso pode non durar".

"A FP en Galicia conta con moi bos equipamentos, grazas a que houbo investimentos moi fortes durante moitos anos, cunha grande achega de fondos europeos"

De feito, nos últimos anos e malia o descenso global do número de estudantes en todos os niveis do ensino, a formación profesional gañou peso en Galicia en termos absolutos e relativos, mantendo un número de matriculados e matriculadas semellante ao de hai sete anos, pero superando neste curso, por vez primeira, o número de alumnos a alumnas do bacharelato. Estas cifras están aínda lonxe das que se rexistran en Catalunya, onde os e as estudantes formación profesional aumentaron un 50% nos últimos cinco anos e xa é máis dun 30% superior á cifra de matriculados no ensino secundario non profesional. Os datos globais do Estado indican que a porcentaxe de alumnos que optan pola FP é xa do 43%, aínda lonxe das media da UE (ao redor do 50%) e sobre todo da de países como Alemaña, onde case o 60% dos alumnos e alumnos opta pola formación profesional.

A formación profesional en Galicia
  2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011 2012
Bacharelato 36390 35227 34467 32762 32249 32180 31901 30790
Formación Profesional 33917 32390 31115 28411 28996 28843 30102 34000

Total de alumnos por ano. Os datos do curso 2011-12 son unha estimación da Xunta. Fonte: IGE

A formación profesional en Catalunya
  2004 2005 2006 2007 2008 2009 2010 2011
Bacharelato 91707 89751 87123 86301 85508 86235 86962 89019
Formación Prfesional 81755 83677 84721 88008 93799 101438 114307 122059

Total de alumnos por ano. Fonte: Generalitat de Catalunya

 

 

Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública
Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.