Pescanova: o ocaso dun fiel aliado do PP

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Unha das últimas decisións de Manuel Fraga como presidente da Xunta tras perder as eleccións de 2005 foi a aprobación do Plano Acuícola de Galicia. Blindaba así, ante a inminente chegada ao Goberno galego da coalición de socialistas e nacionalistas, o proxecto de Pescanova en Cabo Touriñán: unha piscifactoría de 357.000 metros cadrados nunha paraxe virxe da Costa da Morte incluída na Rede Natura. Foi a culminación de moitos anos de estreita amizade entre o falecido dirixente do Partido Popular e Manuel Fernández de Sousa-Faro (Mérida, 1951), o home que preside Pescanova dende hai 33 anos, un personaxe até agora incontestable que vive as súas horas máis baixas.

A revelación de que De Sousa se embolsou 31,5 millóns de euros mediante a venda de accións nos meses previos á entrada en preconcurso de acredores, co consecuente afundimento dos títulos, foi o último episodio do súbito descrédito de quen segue sendo un dos principais homes de confianza do PP entre a clase empresarial de Galicia, herdanza da colaboración establecida en tempos de Fraga.

Con inusitada morneza, e en ausencia de Feijóo, de viaxe por México, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, limitouse o luns a esixirlle “claridade” á empresa sobre a súa situación real

Pero o apoio inquebrantable recha, insustentable xa ante as crecentes sospeitas dos artificios contables que puxeron a compañía ao borde do colapso. Hai apenas un mes, Feijóo insistía na necesidade de contar “coa Pescanova de sempre”. Con inusitada morneza, e en ausencia de Feijóo, de viaxe por México, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, limitouse o luns a esixirlle “claridade” á empresa sobre a súa situación real.


Ariete contra os rivais do PP

Fernández de Sousa foi tradicionalmente un aliado do PP na política galega, cando non un ariete contra os seus adversarios. Desde que o bipartito suspendeu a planta de Touriñán, emprendeu unha guerra sen cuartel que escenificou coa creación dunha piscifactoría en Portugal, grazas ao apoio do Goberno luso en forma de 43 millóns de euros.

Fernández de Sousa foi tradicionalmente un aliado do PP na política galega, cando non un ariete contra os seus adversarios

Con inusitado apoio mediático -De Sousa é patrón de honra da fundación de Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia-, Pescanova presentou esa planta como unha deslocalización forzada pola suposta obstinación do Goberno bipartito contra o seu proxecto en Muxía, que converteu en asunto de Estado durante os case catro anos de mandato de Emilio Pérez Touriño.

Se en Touriñán a estratexia fracasou, noutros proxectos a presión do presidente da compañía tivo máis éxito. Un exemplo paradigmático é o doutra piscifactoría, en Mougás, no Concello de Oia, autorizada en 2000 por unha Consellería de Fraga, a de Pesca, en contra do criterio doutra, a de Política Territorial, que ditou en 2005 unha orde de derrubo. Un xulgado de Tui imputou os dirixentes da compañía por presunta prevaricación e delito contra a ordenación do territorio. A pesar de carecer da preceptiva autorización autonómica, non axustarse á licenza municipal, exceder en case un 70% a ocupación máxima da parcela e triplicar a edificabilidade, en xullo de 2009 a Xunta de Feijóo non só legalizou a planta, senón que autorizou a súa ampliación.


Contra Vigo e o seu alcalde

O intercambio de apoios co Goberno de Feijóo foi especialmente notorio durante o tortuoso proceso de fusión das dúas caixas de aforros de Galicia, que culminou coa completa desaparición de ambas. Con Galicia dividida entre o norte partidario da integración e o sur que se resistía, desde Vigo -pero con apoio maioritario de Caixa Galicia-, De Sousa partiu unha lanza en favor da fusión, para acusar de paso o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, de situarse “ao borde do delito” coa súa resistencia. Por aquel entón, Caixanova contaba co 5% das accións de Pescanova fronte ao 20% de Caixa Galicia, a gran interesada na confluencia das caixas. Feijóo gañou aquel pulso, pero da caída das caixas e o seu posterior desinvestimento na compañía proceden moitos dos problemas que agora atribulan o seu presidente.

De Sousa partiu unha lanza en favor da fusión das caixas, para acusar de paso o alcalde vigués, o socialista Abel Caballero, de situarse “ao borde do delito” coa súa resistencia

O entendemento de De Sousa co Partido Popular estendeuse a múltiples institucións, non só á autonómica. A afinidade con Rafael Louzán, presidente da Deputación e do PP en Pontevedra, resúmese na Medalla de Ouro  que a institución provincial lle concedeu en 2007 en contra do criterio da oposición.

En Vigo, o máximo responsable de Pescanova gañou en 2004 o favor do entón presidente da Autoridade Portuaria, Julio Pedrosa, un histórico do PP local, para desenvolver un gran porto deportivo ao pé do monte do Castro que fixo desaparecer unha praia. Sen permiso municipal de ningún tipo, ocupou unha devasa veciñal para o paso de camións e paralizou durante anos un paseo marítimo. As obras danaron o colector submarino que fornece de auga potable a comarca do Morrazo, cuxa reparación correu a cargo da Xunta. E sobre o recheo levantou sen permiso tres naves e un restaurante de luxo, construcións sobre as que pesan senllas ordes de demolición.

Pero se algún fito crucial existe na colaboración entre De Sousa e o partido que gobernou Galicia 20 dos últimos 23 anos, ese hai que situalo en 1995, cando a Xunta de Fraga asinou un contrato programa con Pescanova cunha achega 42 millóns de euros da época para blindar a compañía do intento de compra pola multinacional angloholandesa Unilever. A empresa seguiría en Vigo, e á fronte dela, Manuel Fernández de Sousa, un bo amigo do partido.

Manuel Fernández de Sousa, ex presidente da multinacional © eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.