PSdeG, BNG e EU, divididos ante a venda de Barreras a Pémex

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

A noticia, avanzada por Praza Pública na tarde do martes, de que o consello de administración de Pemex acordou adquirir o 51% do capital de Barreras, provocou este 1º de maio reaccións inmediatas e enfrontadas nas principais forzas da oposición. "Falta asinar o acordo, pero esa é a idea de Pemex", asegurou este martes un conselleiro de Pemex en conversa con Praza Pública. Pemex queda co control de Hijos de Barreras aproveitándose da difícil situación económica do estaleiro. O acordo contemplaría a compra de dous floteis que tamén serían construídos nos estaleiros vigueses por un importe de máis de 300 millóns de euros.

Os socialistas avanzaron o seu apoio á operación polo "pulo" que pode supor para a actividade naval. Na manifestación que tivo lugar este mércores na Coruña o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Pachi Vázquez anunciou o "apoio total" dos socialistas pero dixo que non o crerá "até que o vexa". De igual xeito, José Antonio Gómez, secretario xeral de UGT, puxo o énfase na necesidade de contar con "carga de traballo" para os estaleiros e solucionar o problema de desemprego no sector. 

O acordo contemplaría a compra de dous floteis que tamén serían construídos nos estaleiros vigueses por un importe de máis de 300 millóns de euros

Pola contra, as posicións feitas públicas por BNG e EU son moito máis críticas. Na manifestación convocada pola CIG en Vigo, o voceiro nacional do BNG, Xavier Vence, acusou a Alberto Núñez Feijoo de actuar coma un "bróker" que se dedica a "vender empresas galegas aos capitais estranxeiros". De igual xeito o voceiro do Bloque no Parlamente, Francisco Jorquera, criticou a "perda da galeguidade da empresa" e acusou a Feijoo de "usar as súas viaxes oficiais para vender empresas".

Mentres, o deputado de Esquerda Unida no Congreso, José Luis Centella, pedirá que o gobierno renacionalice o estaleiro e demandou que se expulse do accionariado a García Costas e á empresa Albacora, aos que acusou de "desangrar" o patrimonio da empresa. Para Centella, a privatización de 1997 foi "unha fraude" e un "espolio do patrimonio público". EU puxo o exemplo de Francia, que quere renacionalizar os estaleiros TX en Saint-Nazaire, especializados en cruceros.

Pola súa banda, a Xunta de Galicia valorou "positivamente" a decisión de Pemex e salientou que facilitará "máis contratos para Galicia e garantirá máis carga de traballo para o naval galego". O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, destacou que con este novo acordo que se está a concretar entre México e Galicia, "se poden abrir as portas a novas posibilidades para a comunidade galega, xa que o estaleiro Barreras pasaría a formar parte do Grupo Pemex, o que facilitaría as condicións para a contratación de novos barcos".

Guindastres do estaleiro Barreras, en Vigo CC-BY-NC-SA taburete

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.