A montaña luguesa, en alerta ante o posible "expolio" mineiro de dúas reservas da biosfera

Vista da Reserva da Biosfera Eo-Oscos-Burón CC-BY-SA Salvemos Cabana

Corcoesto, A Limia, Castrelo de Miño... e agora tamén, a montaña de Lugo, con dúas reservas da biosfera incluídas. Un dos territorios ambientalmente mellor conservados do vén de prender a alarma polo inicio da toma de mostras de subsolo á procura de minerais susceptibles de seren extraídos. Quen busca é Goldquest Ibérica, S.L., a filial en España dunha empresa canadense que cre posible atopar cinc, cobre, ouro, prata e chumbo neste entorno privilexiado. Esta toma de mostras realízase grazas a un permiso outorgado pola Xunta no verán de 2011 para explorar 68 cuadrículas mineiras que agora a empresa pide ampliar a 396 -unhas 12.000 hectáreas-, ampliación que saíu a información pública o pasado febreiro.

No caso de que estas tomas de mostras derivasen nunha aposta por desenvolver unha explotación mineira esta non sería, en absoluto, unha mina máis. A práctica totalidade da zona na que Goldquest vai buscar minerais aféctalle ao territorio da Reserva da Biosfera do río Eo-Oscos-Burón e da Reserva da Biosfera Terras do Miño. Ademais, aféctalle tamén ao Lugar de Interese Comunitario (LIC) Serra da Foncuberta, unha zona incluída da proposta de ampliación da Rede Natura que está tamén en plena tramitación.

A práctica totalidade na zona na que Goldquest busca minerais aféctalle as reservas Eo-Oscos-Burón e Terras do Miño

Mentres determinados sectores políticos e mediáticos da zona procuran trazar un retrato no que a posibilidade dunha instalación mineira é agardada con esperanza xa se escoitan as primeiras voces que alertan dos notables riscos ambientais e, por extensión socioeconómicos. Así, dende a Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) explican que, no caso da reserva Eo-Oscos-Burón unha mina podería afectar de maneira "directa" ao río Eo con "consecuencias" na canle fluvial "e tamén na desembocadura da ría de Ribadeo, incluída na propia reserva e tamén considerada "LIC e Zona Húmida de Importancia Internacional". No caso de Terras do Miño, as "afeccións directas" chegarían "a unha gran superficie da bacía alta do río Miño" e a "multitude de ríos e regatos" de menor dimensión.

O Concello da Fonsagrada, contra o "expolio"

Ao contrario do que acontece noutros casos, como por exemplo en Corcoesto, na montaña luguesa non todas as autoridades locais "aplauden" a posible chegada da multinacional mineira. Un dos concellos nos que reina maior desconfianza é na Fonsagrada, cuxo alcalde, Argelio Fernández (PSdeG), amosa múltiples receos, a comezar por que a Xunta "autorice 2.000 mostras, sobre 396 cuadrículas entre catro concellos" sen sequera "consultar" nin "comunicar formalmente" a quen "temos a responsabilidade de xestionar este territorio". "Estase formulando un mostreo que nós nin autorizamos" porque "non leva acompañada licenza municipal" que, advirte, será esixida "no caso de que haxa algún movemento de terras", como contempla a Lei do Solo, explica en conversa con Praza Pública.

Argelio Fernández, alcalde da Fonsagrada: "Manterémonos na defensa a ultranza do noso territorio"

Pero, alén destas explocacións iniciais, o rexedor fonsagradino advierte de que "todo o que coñecemos" a respecto de "explotacións de ouro" e semellantes implica "tropelías" realizadas por "empresas estranxeiras ás que nos seus países de orixe non se lles permite facer" o que si poden "en países onde a normativa é máis laxa", isto é, "levar o que temos no subsolo facendo unha desfeita monumental". "Nós -subliña- non entendemos que se poida autorizar a alguén para vir expoliar o noso solo" e, aínda por riba, "que o valor engadido" marche fóra, deixando "só un territorio moito peor do que temos".

Neste contexto, e "respondendo polos tres grupos políticos" do consistorio (PSdeG, PP e BNG) -así, di, quedou acreditado no pleno municipal do pasado mércores- Argelio Fernández salienta que se Goldquest "atopa algo significativo" na zona o Concello da Fonsagrada se manterá "na defensa a ultranza do noso territorio, da nosa xente e da nosa maneira de vivir e entender esta terra", á que "ningúen nos veu nunca traer nada". "Se vén unha multinacional o que que pretende é levar o valor engadido e deixarnos a nós os problemas". Por este motivo pregúntase ademais cal é "a vontade da Xunta" de cara a unha eventual autorización dunha mina. "Nunca se preocuparon de traer nada importante para esta terra e só falta" que permitan "que os de fóra poidan levar a riqueza que, hipoteticamente, poidamos ter". Por iso, conclúe, a súa prioridade será a defensa dos valores ambientais da zona e das reservas da biosfera. Esa, advirte, é tamén a opinión "da inmensa maioría da xente da Fonsagrada, que non está interesada en que haxa nada que nos veña facer dano".

Aldea e paraxes naturais na reserva Eo-Oscos-Burón CC-BY-SA Salvemos Cabana

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.