“El Corte Inglés e Mango deberían ser xulgados en España polo ocorrido en Bangladesh”

O profesor de Dereito do Traballo, Juan Hernández © El Diario

Que é unha empresa transnacional? Que papel xogan os lobbies ou a diplomacia económica? Que resistencia se podese exercer fronte ao poder que despregan as multinacionais? Para dar resposta a este tipo de preguntas o profesor de Dereito do Traballo da Universidade do País Vasco, Juan Hernández, que compareceu para dar a súa visión na Comisión de Dereitos Humanos do Parlamento, publicou o Dicionario crítico de empresas transnacionais xunto a Erika González e Pedro Ramiro. O libro recolle desde unha perspectiva crítica as reflexións de diferentes profesores procedentes da universidade, membros de ONG, organizacións sindicais e movementos sociais sobre as empresas transnacionais. Hernández avoga por implantar medios de control para enfrontar o poder das grandes corporacións e que catástrofes coma o derrube dun edificio de talleres téxtiles en Bangladesh, que xa matou máis un milleiro de persoas que tentaban gañar a vida, teña consecuencias penais para os directivos das multinacionais que encargaban alí a roupa.

A arquitectura xurídica está pensada para que cumpran a lexislación de Bangladesh e punto. E no caso dese país, a lexislación laboral está sometida a un modelo neoliberal brutal

Como se pode controlar as empresas transnacionais?

É complicado porque a responsabilidade da empresa transnacional sostense sobre o Estado onde inviste, comercia ou compra. Por exemplo, Mango e El Corte Inglés van a Bangladesh e só responden ante ese goberno. A arquitectura xurídica está pensada para que cumpran a lexislación de Bangladesh e punto. E no caso dese país, a lexislación laboral está sometida a un modelo neoliberal brutal. É dicir, os traballadores teñen unhas condicións laborais en canto a salario e descanso propias da Revolución Industrial. Non hai ningún control nin inspección, por iso é polo que caeu a fábrica en Bangladesh. As transnacionais instálanse alí porque a taxa de beneficio é altísima grazas á explotación que sofren os traballadores.

Cando se dan feitos de alta gravidade relacionados cos dereitos humanos e está implicada unha multinacional española debería intervir un tribunal nacional. Trátase de extraterritorializar a situación

E como se pode romper ese círculo?

Pois hai que buscar mecanismos de control acordes cos tempos: extraterritorialidade. Iso significa que as empresas transnacionais non só estean sometidas á lexislación do país onde teñen a fábrica. É un escándalo que non se poida xulgar tanto a El Corte Inglés como a Mango en España polo que sucedeu na fábrica de Bangladesh onde se producía roupa para estas e outras multinacionais. Cando se dan feitos de alta gravidade relacionados cos dereitos humanos e está implicada unha multinacional española debería intervir un tribunal nacional. Trátase de extraterritorializar a situación e que os directivos desas empresas dean conta do beneficio que obteñen e se coñecían as condicións nas que se desenvolvía o traballo. É inconcibible que non haxa unha  responsabilidade civil e penal.

Habería que empezar por concienciar a sociedade do que supón a morte deses traballadores...

É certo. Temos que facer unha reflexión ética do que está a pasar cos políticos, cos directivos das empresas multinacionais e o que facemos cada un de nós. Non temos escusa. Hai que reaccionar.

Repsol gañaba en Bolivia nalgúns pozos un 82% de beneficio e pagaba un 18% ao Estado. Iso é un atraco

A imaxe das empresas transnacionais é que son as que tiran do carro da economía e as que xeran emprego...

O modelo que estableceron é tan maldito que penetra na cabeza da xente. Suponse que estas empresas crean emprego. Pero, canto emprego, riqueza, transferencia tecnolóxica e cantos impostos pagan nos países receptores e canto chega ao seu país de orixe e transfórmase en emprego? Algo crearán. Pero a maioría do diñeiro vai a outros petos. Hai que metelos en cintura. Mire, Repsol gañaba en Bolivia nalgúns pozos un 82% de beneficio e pagaba un 18% ao Estado. Iso é un atraco.

O que habería que facer é pór aranceis para as empresas que deslocalicen e despois traten de vender no país. En Francia xa se fixo

Ante a presión, as multinacionais recorren á deslocalización...

Pero non marchan. En España vendeuse o mala que é a presidenta de Arxentina por nacionalizar a filial de Repsol, pero ninguén se preguntou pola seguridade xurídica das persoas e os seus dereitos humanos. O que habería que facer é pór aranceis para as empresas que deslocalicen e despois traten de vender no país. En Francia xa se fixo. O capital usa a deslocalización como instrumento económico e ameaza os dereitos dos traballadores cando faga falta.

O boicot é un instrumento eficaz?

As campañas de boicot foron eficaces. Máis que polas vendas, porque a imaxe corporativa queda danada. Para contrarrestar este tipo de estratexias e lavar a cara invisten millóns de euros ou dólares en publicidade e recorren a iniciativas como a Responsabilidade Social Corporativa (RSC), que é un código de conduta de normas do que se dota unha empresa e polo que se deben rexer os traballadores e os seus directivos.

Polo xeral, as que máis invisten en promocionar a súa Responsabilidade Social Corporativa son as máis ineficaces e as que máis denuncias acumulan

É só un lavado de cara?

A RSC é unha estratexia de publicidade que lles permite ás multinacionais presentarse como empresas responsables ante os seus clientes e a sociedade no seu conxunto. Polo xeral, as que máis invisten en promocionar a súa RSC son as máis ineficaces e as que máis denuncias acumulan.

Resulta complicado cruzar os dereitos humanos cos intereses das multinacionais?

O principal son os dereitos colectivos. Trátase de explicar ben o que fan as multinacionais e entón poderase observar que, por exemplo, Repsol non crea tanto emprego en España. Ademais, ten paraísos fiscais e provoca graves impactos entre os indíxenas de América Latina.  Igual que resulta un escándalo que Telefónica siga obtendo beneficios e botando xente á rúa. Cando a sociedade entende que esas prácticas non son razoables vólvese máis esixente á hora de pedir unhas adecuadas normas de comportamento e respecto aos dereitos humanos.

Repsol non crea tanto emprego en España. Ademais, ten paraísos fiscais e provoca graves impactos entre os indíxenas de América Latina. Igual que resulta un escándalo que Telefónica siga obtendo beneficios e botando xente á rúa

Os políticos non parece que teñan moita capacidade de enfrontarse ás multinacionais...

Teñen tomado o poder político con varias fórmulas coma o lobby, a porta xiratoria (transvasamento de directivos do sector público ao privado), o diñeiro que presta a banca aos partidos... Vostede sabe canta débeda se lles condonou? O poder político poderíase plantar, pero non o fai porque está tomado.

O profesor de Dereito do Traballo, Juan Hernández © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.