A paralización do eólico multiplica os despidos e a fuxida de empresas de Galicia

Parque eólico na comarca do Ortegal CC-BY-SA Oleg Zaytsev

É o desmantelamento que non cesa. A crise do sector eólico en Galicia cóbrase as súas vítimas en forma de despedimentos e fuxida das empresas do país ante a parálise da actividade provocada nos últimos anos polas dificultades económicas, pero sobre todo pola falta de planificación económica dos gobernos central e galego. A anulación do concurso eólico do bipartito e a inseguridade xurídica está na orixe dunha desfeita que se acentuou coa anulación das primas ás renovables e o decreto lei do Executivo que xa provocou unha redución do 35% dos ingresos das compañías e que prevé un novo recorte de 1.000 millóns no conxunto do Estado.

Alstom anunciou a súa marcha de Galicia e o despido de 63 traballadores; Gamesa bota 80 operarios da súa planta nas Somozas

O pasado mes de marzo, a multinacional Alstom Wind anunciou o peche da súa fábrica das Somozas e do seu centro loxístico de Narón para levar a súa produción a Navarra. Un total de 63 empregos menos, ademais de todos os postos de traballo vinculados a esta compañía e que tamén semellan abocados a desaparecer. Nesta mesma semana, Gamesa cumpriu as ameazas que xa lanzara hai anos ante a inseguridade que o sector sufría en Galicia e anunciou o peche parcial da súa planta (tamén nas Somozas) e dunha das liñas de produción, o que equivale a 80 despidos dentro dun recorte a nivel estatal que suma case 400 traballadores.

Os 80 despidos supoñen un terzo do persoal da planta, que viña de reincorporarse dun ERE temporal e que está ameazado por un novo expediente que podería acabar coa recolocación dos traballadores na fábrica de Navarra.

O ERE de Acciona está na súa recta final e afectará a Galicia cun axuste do 39% do seu cadro de persoal

Ademais, o ERE de Acciona Energía entra tamén na súa recta final e suporá a extinción de 175 postos de traballo, a suspensión temporal de 266 empregos, o traslado de centro de 13 traballadores e a ampliación da xornada para o resto dos traballadores. Galicia, tal e como advirten os sindicatos, será unha das comunidades máis afectadas cun axuste do 39% do seu cadro de persoal, despois de sufrir un axuste do 45% entre os anos 2011 e 2012. Todo malia que Galicia ten instalada unha capacidade de 964,8 megavatios e é o maior centro de produción de enerxías renovables de España e do mundo, cunha media do 26% da enerxía eólica do grupo a nivel estatal e o 16% de toda a xeración eólica de Acciona.

A crise acaba cun sector que prometía servir para amortiguar os efectos da recesión en Galicia ante a súa enorme potencialidade. Nada diso. As compañías marchan para outros países e deslocalizan a súa produción. Tan só en Ferrolterra, e segundo datos da Asociación Eólica Galega, perdéronse uns 1.500 empregos nos últimos cinco anos, uns datos que van a máis na comarca máis afectada por un desmantelamento que afecta tamén ao naval e que xa provocou a convocatoria dunha folga xeral unitaria para o vindeiro 12 de xuño.

Vista dun parque eólico en Galicia CC-BY Ignorant Walking

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.