Un xulgado abre a porta á demanda colectiva contra Novagalicia polas preferentes

Manifestación dos afectados polas preferentes na Coruña © Daniel Candal

O Xulgado de Primeira Instancia número 9 de A Coruña abre a porta a unha demanda colectiva contra Novagalicia Banco pola comercialización masiva de preferentes logo de que este xoves notificase un auto polo que estima a petición da Asociación Galega de Afectados por Produtos Financeiros (Agaprofi) para que Novagalicia Banco achegue a listaxe cos datos personais dos actuais titulares destas participacións emitidas por CaixaGalicia e por Caixa Nova.

A listaxe de todos os titulares de preferentes permite a Agaprofi "dirixirse a cada un deles para convidalos a adherirse á demanda"

Deste xeito, a devandita asociación de defensa dos consumidores e usuarios poderá dirixirse a todos e cada un deles co obxectivo de "convidalos a que se adhiran á demanda colectiva, como manda a vixente Lei de Axuizamento Civil".

Para que esta solicitude sexa efectiva, Agaprofi debe achegar antes do mediodía do vindeiro martes 28 de maio a cantidade de 500 euros en concepto de fianza, unha cantidade que despositará nas vindeiras horas. De acordo coa Lei de Axuizamento Civil, a demanda colectiva deberase presentar no mes seguinte á data de obtención da mencionada listaxe de preferentistas, polo que o prazo rematará o vindeiro 26 de xullo.

"É moi importante porque a demanda instada pola Fiscalía está bloqueada e nós podémola presentar antes", aclara o avogado da asociación

O avogado Xoán Antón Pérez-Lema, socio director do despacho e asesor xurídico da asociación, desenvolve a dirección letrada deste caso e destaca a relevancia do auto que vén de recibir. "É moi importante esta nova situación porque hai que ter en conta que a demanda colectiva que instou a Fiscalía aínda está bloqueada e a nós dános a posibilidade de presentala antes", aclara.

Até unhas 50.000 persoas poderían adherirse a esta demanda colectiva

O resultado desta demanda sería "unha auténtica causa xeral onde se poderían mirar un por un un todos os casos onde un cliente previo e minorista tivese adquirido estas participacións preferentes", entade Pérez-Lema, que insiste en que "o máis importante" é a posibilidade de que "se poida enxuizar colectivamente a quen quixo dispor de recursos propios a través de recursos da xente que tiña máis achegada como os clientes aforradores".

Ademais, o avogado aclara que esta demanda colectiva, que será presentada nos Xulgados de Primeira Instancia da Coruña, non choca en ningún momento coa instada pola Fiscalía, "senón todo o contrario". "Van no mesmo camiño", di Pérez-Lema, que lembra que unhas 50.000 persoas poderían adherirse á devandita demanda global, ao restar do total dos afectados polas preferentes das antigas caixas galegas os algo menos de 20.000 que acudiron á vía da arbitraxe.

Protesta de afectados polas preferentes CC-BY-NC-SA CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.