CCOO, CIG e UGT rexeitan o proxecto de Porto Cabral

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende

As unións comarcais de CCOO, CIG e UGT veñen de facer público o seu rexeitamento á instalación dunha nova grande área comercial en Liñeiriños (Cabral), o proxecto da multinacional británica Eurofunds coñecido como Porto Cabral. Os tres sindicatos, que destacan que representan "a amplísima maioría das e dos traballadores da cidade e da comarca", consideran que a cidade xa está actualmente saturada deste tipo de oferta comercial (nove centros), "situación que se agravará se finalmente se desenvolven os proxectos en marcha para o Calvario (Bandeira) ou na futura nova estación do AVE".

As centrais denuncian "a utilización demagóxica de presuntas cifras de creación de postos de traballo, que se aproveita da moi difícil situación que atravesan as 80.000 persoas desempregadas na nosa comarca". E lembran que experiencias como as de Marineda City na Coruña ou As Cancelas en Compostela, demostran "que o único que producen estes macroinvestimentos, tras os que se agocha un indisimulado interese de lucro relacionado coa construción dos equipamentos -que neste caso se beneficiará dunha inxustificábel expropiación pública de terreos (entre eles monte actualmente en man común)-, é o deslocamento de establecementos desde os centros xa existentes aos de nova creación sen dar lugar a unha creación neta ou sostida de emprego". Ademais,  afirman que "as contratacións que se fagan serán maioritariamente precarias, cun abuso por parte destas grandes cadeas da modalidade a tempo parcial, que non garanten un salario que permita vivir dignamente".

"As contratacións que se fagan serán maioritariamente precarias, cun abuso por parte destas grandes cadeas da modalidade a tempo parcial, que non garanten un salario que permita vivir dignamente"

Conclúen que "o modelo comercial que representan este tipo de grandes áreas colida co desenvolvemento do pequeno e mediano comercio, como veñen de denunciar os colectivos de comerciantes". E chaman a "unha urxente resposta real por parte do conxunto das administracións públicas, quer estatal, quer autonómica, quer tamén municipal, para poñer en marcha todas as medidas precisas para frear o brutal esmorecemento do sector industrial da nosa cidade e bisbarra, que é o que realmente achega valor engadido á economía produtiva", pois "o futuro de Vigo, a creación de riqueza e de emprego, non pasa por alargar o sector servizos, dependente dunha demanda interna e consumos inevitabelmente en descenso a consecuencia da queda da capacidade de compra da maioría social".

Andaina contra o proxecto de Porto Cabral Dominio Público Galiza non se Vende
Montes comunais que serían expropiados para construír o centro comercial © A Ría No Se Vende

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.