0 Gardados para despois

A Xunta incrementa os servizos mínimos na TVG e en Sanidade respecto da folga de 2010

Redacción | @prazapublica

CIG e Comisións trasladaron este mércores á Xunta a súa "total oposición" contra o borrador de servizos mínimos decretado polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo. Uns servizos mínimos que cualifican de "abusivos" e que limitan "o lexítimo exercicio do dereito á folga do conxunto do persoal que traballa para a administración galega". A proposta presentada afecta ao persoal que traballa nos servizos, sectores e actividades baixo competencia da Xunta: seguridade, protección civil, medios de comunicación social, rexistro, educación, bombeiros, transportes, etc... No caso da sanidade, a Consellaría presentou por separado a súa proposta de servizos mínimos para o sector público e privado, explicou a CIG.

CCOO e CIG solicitarán xudicialmente a suspensión cautelar dos devanditos servizos mínimos

CCOO solicitará "xudicialmente a suspensión cautelar dos devanditos servizos mínimos". Ademais, e como informou aos medios, reclamará "responsabilidades individuais pola persistencia da Xunta en esixir uns servizos mínimos que na realidade non son tal". "Tendo en conta os numerosos precedentes, non poden alegar descoñecemento de que estes servizos mínimos son abusivos, e polo tanto ilegais, así que actuaremos en consecuencia con todos os medios dos que dispoñamos", aseverou Ramiro Otero, de Comisións. A CIG tamén anunciou a presentación dun recurso se non muda o presentado pola Consellería de Facenda.

Comparación coa folga xeral de 2010

Tal e como denunciou a CIG, e para o caso particular da TVG, "a Xunta pretende impor uns servizos mínimos abusivos para a xornada de folga, mesmo incrementados con respecto ao paro do ano pasado e sen sequera convocar ao Comité de empresa para negocialos, como habitualmente se viña facendo".

Servizos mínimos da TVG
Folga de 2010 Folga de 2012
2 redactores/as das 5.00 ás 12.00 horas  3 redactor/a de 5:00 a 12:00 horas
2 das 6.00 ás 13.00 horas 3 de 6:00 a 13:00 horas, 
1 das 7.00 ás 14.00 horas 1 de 7:00 a 14:00 horas
1 das 10.00 ás 14.00 e das 16.00 ás 19.00 horas 2 de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas

Na Consellaría de Sanidade, segundo apuntan as centrais sindicais, os servizos mínimos contemplan "máis efectivos que o persoal que habitualmente ten o servizo". Así mesmo, á CIG "sorpréndenlle os cálculos da Xunta pois, a pesar dos recortes nos cadros de persoal do sector sanitario, a administración non ten en conta estas reestruturacións, nomeando incluso como mínimo a traballadores que xa non están no cadro de persoal".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.