Feijóo admite que non abonda con adiantar axudas á gandaría para paliar a seca

Feijóo, na plantación simbólica do Gaiás © Xoán Crespo

"Irrisorio" ou "unha burla". Foron algunhas das expresións que os sindicatos agrarios utilizaron o pasado martes ao definiren a vía elixida pola Xunta para "paliar" os estragos que a seca está a causar no sector primario galego cunha especial incidencia na gandaría. Tal e como ten relatado Praza Pública, os custes en ámbitos como a produción de leite estanse a disparar ata un 50% pola compra masiva de forraxes ante a ausencia de chuvia. Vinte e catro horas despois de que o director xeral de Produción Agropecuaria, José Álvarez Robledo, anunciase no Parlamento que o xeito elixido polo Goberno galego para axudar os gandeiros é subvencionar xuros de préstamos bancarios en concepto de adianto das axudas da Política Agraria Común (PAC), o presidente, Alberto Núñez Feijóo, admitía que a solución ofrecida polo seu gabinete é insuficiente.

No marco da celebración do Día Forestal Mundial, que desta volta a Xunta deu en conmemorar cunha plantación simbólica de árbores na Cidade da Cultura, Feijóo, ademais de gabarse de "nunca houbo tanto adianto de axudas" á gandaría como co seu Goberno, admitía que a "extrema seca" fai necesario que se "teñan que activar incluso máis resortes" que un simple anticipo de subvencións -"os cartos xa eran dos gandeiros", argumentan dende o Sindicato Labrego Galego e Unións Agrarias-. Non obstante o xefe do Executivo sitúa eses resortes adicionais lonxe de San Caetano. "A Xunta -afirma- está cumprindo coas súas obrigas e eu agardo que o Goberno central e a Unión Europea tamén cumpran coas obrigas que lles corresponden".

O presidente traslada á UE a responsabilidade de activar "máis resortes" para axudar os gandeiros

Así e todo, Feijóo matiza as súas declaracións no que atinxe ao Goberno de España. O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, di, xa está a ser "responsable" ao pedir que se adianten as axudas da PAC de decembro a outubro, polo que só resta "sensibilizar" a Comisión Europea "de que a seca precisa unha actuación específica da UE". Mentres, di, dende a Xunta xa se "fala" coas entidades financeiras para activar préstamos que supoñan anticipar "máis de 100 millóns de euros" aos gandeiros. Nesta operación, a Xunta "asumiría os custos" dos xuros para "paliar en parte os problemas".

Rodeado de escolares no monte Gaiás Feijóo repartiu tamén responsabilidades cara á cidadanía. "Nos momentos de seca dámonos conta de que as administracións non o poden todo, de que os gobernos simplemente son instrumentos", asevera, para sinalar que "o pobo galego" debe "colaborar na racionalización do consumo de auga" e "na implacable denuncia aos incendiarios que están indo contra o noso patrimonio, furtando o noso futuro". Ademais do presidente, tamén botaron man á pa os conselleiros de Educación, Jesús Vázquez e Medio Ambiente, Agustín Hernández.

Feijóo, na plantación simbólica do Gaiás © Xoán Crespo

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.