0 Gardados para despois

A Xunta quere adquirir cadros de NGB para levalos á Cidade da Cultura

Lara GrañaLara Graña | @lara_grana


Novacaixagalicia segue a ser, polo momento, unha caixa de aforros. Que siga existindo como tal depende exclusivamente de que sexa accionista de referencia de Novagalicia Banco. Segundo a penúltima reforma financeira aprobada polo Goberno (queda por coñecer a de Rajoy), unha caixa bancarizada debe ter máis accións do banco ao que trasladou o seu negocio financeiro que os investidores privados. Tras ser nacionalizado e valorado en apenas 181, NGB non vai permitir a Novacaixagalicia que mantexa o seu estatus de entidade de crédito.

Desde a empresa que aínda copreside Julio Fernández Gayoso, presente en Caixanova desde os anos sesenta, o que se intenta é poñer en marcha un plan xenerador de recursos económicos e aforro de custos que permita á caixa elevar a participación no banco ata o 12%. É un obxectivo moi complexo. Como pode Novacaixagalicia aspirar a este obxectivo se só xestiona na actualidade os activos afectos á obra social? Ademais deses recortes, a venda de activos está sobre a mesa. E isto é algo que vén de recoñecer a consellería de Cultura e Educación nunha resposta a unha pregunta escrita formulada polo deputado do BNG Carlos Aymerich.

A venda de parte ou toda a colección pictórica da caixa única, de gran valor económico e cultural, tamén se explicitou nos encontros entre a empresa e as centrais sindicais

As reunións entre os sindicatos e a dirección da obra social da empresa, comandada por Guillermo Brea (a piques de xubilarse), comezaron hai máis de dous meses. O plan recolle a posibilidade de cobrar polos servizos que se prestan los locais sociais de Novacaixagalicia como actividades formativas ou exposicións. Tamén se consumou o peche de varios centros sociais como o de Santiago, inaugurado entre moita expectación por Alberto Núñez Feijóo, Julio Fernández Gayoso e o exdirector xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez. A venda de parte ou toda a colección pictórica da caixa única, de gran valor económico e cultural, tamén se explicitou nos encontros entre a empresa e as centrais sindicais.

A pregunta de Aymerich

O deputado nacionalista preguntou ao Executivo galego sobre "as medidas que vai adoptar" para "garantir a continuidade da obra social de Novacaixagalicia". A resposta oficial, publicada na páxina web do Parlamento de Galicia esta mesma semana, fai mención expresa aos cadros. A consellería do ramo quere promover que "as coleccións de arte" que tiñan ambas caixas por separado formen parte do patrimonio público a través dun amplo abano de fórmulas: o comodato, a cesión ou a adquisición. Esta última é a máis importante para a caixa galega.

En canto á exposición destas coleccións, unha vez poideran pasar a formar parte do patrimonio galego, esta se realizaría tanto nos centros culturais activos por toda Galicia como no Monte Gaiás. Di a Xunta que esta última opción se faría "destinando algún espazo nalgún dos edificios da Cidade da Cultura para difundir e poñer en valor este patrimonio artístico galego".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.