A Xunta busca de "urxencia" unha empresa privada para as arbitraxes das preferentes

Manifestación de afectados polas preferentes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

O pasado outubro a Xunta iniciaba, por vía de urxencia, os trámites para contratar un servizo de "apoio e reforzo para a tramitación de expedientes de arbitraxe de consumo relacionados coa comercialización das participacións preferentes e obrigas subordinadas". En plena campaña electoral o Goberno galego preparábase para contar cun cadro de once persoas proporcionado por unha empresa privada que traballase en horario e condicións sensiblemente peores que os do funcionariado. Para tentar paliar o que xa se convertera nunha das principais dores de cabeza do candidato Feijóo a Xunta reservaba algo máis de 73.000 euros. Este luns remata o prazo para que Novagalicia Banco acepte solicitudes de arbitraxe e o Instituto Galego de Consumo (IGC) está inmerso de novo nun trámite moi semellante.

Dende o día 14 deste mes de xuño o IGC tramita un contrato para dotarse de persoal de "apoio á tramitación e xestión de expedientes de arbitraxe de consumo relacionados coa comercialización das participacións preferentes e obrigas subordinadas". Desta volta reclama menos traballadores e traballadoras que en outubro: agora a empresa adxudicataria deberá proporcionar "tres licenciados en Dereito", un "licenciado en administración e dirección de empresas ou dereito" e "dous administrativos". A súa xornada laboral será de oito horas, de luns a venres, e malia estaren contratados por unha empresa privada traballarán en sede pública, no propio IGC, en aras da "axilidade e eficiencia" do servizo, segundo a Xunta, quen non obstante estipula que desenvolverán o seu labor "dun xeito claramente separado" ao resto do persoal. O custo, non obstante, é maior que no anterior contrato, xa que desta volta pode chegar ata os 182.218,66 euros.

Consumo prevé gastar máis de 180.000 euros en contratar seis persoas alleas á Administración

E, que fará esta empresa que a Xunta considera que non pode facer por si mesma? As seis persoas proporcionadas polo contratista terán que encargarse da "recepción, ordenación e clasificación dos expedientes de arbitraxe", a "introdución dos datos identiificativos dos expedientes" nun "soporte informático", da "comunicación cos afectados" durante todo o proceso de arbitraxe", do "apoio nas notificacións de laudos e arquivo de expedientes", do "control e seguimento dende a presentación da reclamación ata a notificación do laudo" e tamén de "dar cumprimento" aos acordos da comisión creada polo Goberno central para realizar "seguimento" á problemática das preferentes. Ademais, "semanalmente" o persoal terá que notificar a "distribución xeográfica por concellos e provincias dos expedientes de arbitraxe" e o "número de audiencias celebradas e de laudos arbitrais ditados".

Para adxudicar o contrato a Xunta esixe que "o persoal licenciado asignado á prestación do servizo" teña "coñecemento sobre comercialización de produtos financeiros, en especial" sobre preferentes e subordinadas, así como "en solución de conflito sa través do sistema arbitral de consumo". Ao mesmo tempo, como en outubro, Consumo require "coñecemento de informática nos programas ofimáticos Word, Excell, PowerPoint, Access", todos "a nivel usuario". Así e todo, o Goberno deixa aberta a porta a elixir unha empresa cuxo persoal non teña todos estes coñecementos, sempre e cando a propia compañía lle proporcione "formación", correndo cos custos e sen computar "a devandita formación como tempo de prestación do servizo".

O contrato dura nove meses aínda que Novagalicia advirte de que, dende o día 17, "só permanecen vixentes as vistas" de arbitraxe "que xa estivesen convocadas"

Aínda que Novagalicia Banco prevé rematar con todas as arbitraxes "nos próximos dous meses" o contrato que se dispón a formalizar Consumo terá "unha duración máxima de nove meses" dende que sexa adxudicado. Dado que o proceso vai pola vía de urxencia -este sábado 22 finaliza o prazo de presentación de ofertas- é posible concluír que o persoal externo estará traballando para Consumo ata a primavera de 2014. Pero, pola súa banda, o banco explica que "o día 17 de xuño o banco finalizará o proceso de admisión e aceptación de solicitudes de arbitraxe, once meses despois de que se puxese en marcha. Unicamente permanecerán vixentes as vistas que xa estivesen convocadas no IGC".

Manifestación de afectados polas preferentes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.