0 Gardados para despois

Sete manifestacións pedirán este domingo unha banca pública galega

Redacción | @prazapublica

A Plataforma polo Aforro Público, composta polas asembleas galegas do 15M, ATTAC, Mesas de Converxencia e Democracia Real Xa, convocou manifestacións este domingo nas sete cidades do país en demanda dunha banca pública galega. En Vigo a manifestación comezará ás 11.30 na Praza de España, á mesma hora que en Ferrol, que terá a Praza de Armas como escenario, mentres que no resto das cidades as mobilizacións terán lugar pola tarde.

En Pontevedra a concentración terá lugar ás 18.30 en Montero Ríos e finalizará cunha charla do catedrático de economía José Luis Outes Ruso. Na Coruña está convocada para as 19.00, saíndo do Obelisco. En Santiago a cita é ás 18.00 na Alameda, incluíndo varias charlas sobre o tema. En Lugo sera ás 18:30 na Praza Maior. Finalmente, en Ourense a manifestación comezará as 19.00, comezando diante da sede de Novagalicia Banco na rúa do Paseo.

A Plataforma considera que "para superar esta crise en positivo é imprescindible unha banca pública que funcione de xeito ético e devolva á cidadanía o poder sobre os aspectos financeiros da economía"

A Plataforma considera que "para superar esta crise en positivo, e para o normal funcionamento democrático da nosa sociedade é imprescindible unha banca pública que funcione de xeito ético e devolva á cidadanía o poder sobre os aspectos financeiros da economía". Os colectivos que integran a plataforma consideran así mesmo que a bancarización das caixas de aforro "non é necesaria nin inevitable" e que se lle está regalando "o capital das caixas aos bancos", creando ademais "un oligopolio no sistema financeiro galego e español, que vai provocar a exclusión financeira de gran parte da poboación, pequenas e medianas empreas e familias".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.