Case 28.000 afectados polas preferentes de Novagalicia piden liquidez ao FGD

Persoas afectadas polas preferentes, no exterior do Parlamento CC-BY-SA Praza Pública

Un total de 27.659 afectados polas participacións preferentes ou por obrigacións subordinadas de Novagalicia Banco solicitaron acudir ao mecanismo de liquidez do Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) e outros 2.500 trocaron os seus produtos por depósitos a prazo. Iso o que informou a entidade a través dun comunicado, do que se tira que o 36,7% dos afectados solicitaron a compra das súas accións, mentres que o 3,3% do total de máis de 75.000 afectados optaron por trocar os produtos por depósitos, aínda que esta opción só era posible para os titulares de subordinadas con vencemento.

Novagalicia presume de que o 90% dos afectados recuperou os seus cartos ou pediu recuperar liquidez

Novagalicia presume así de que o 90,1% dos clientes afectados recuperou os seus cartos ou pediu recuperar liquidez. E faino porque inclúen no seu cálculo os 37.670 clientes que accederon á arbitraxe para recuperar o seu diñeiro. Xa que logo, serán 7.666 (o 9,9%) as persoas que pasarán a ser titulares accionistas definitivos da entidade de non vender estas participacións antes de que remate o proceso, cuxo prazo finaliza o vindeiro venres 12 de xullo, pero que supón unha quita adicional á xa aplicada na conversión en accións.

NCG Banco aclara tamén que, no caso dos afectados que trocaron os seus produtos por depósitos, o vencemento destes está fixado para o 19 de novembro deste ano.

Polo momento, case o 10% dos afectados serán accionistas definitivos do banco

Por outra banda, Novagalicia lembra que se mantén o procedemento de arbitraxe, aínda que só as vistas, xa que a admisión de solicitudes rematou o pasado 17 de xuño. Hai case 12.000 clientes cuxa solicitude foi aceptada pero que aínda non pasaron pola vía arbitral. De entre estas persoas pendentes da arbitraxe, 5.042 pediron acudir ao mecanismo de liquidez, dado que o prazo vence este venres e cursar esta petición "non invalida nin evita a recuperación do 100% do seu investimento inicial" pola vía arbitral.

Para os outros 6.917 clientes pendentes da vista que non fixeron a petición ao FGD o prazo tamén termina este venres, insiste a entidade, que sostén que "a venda de accións" ao este fondo "non invalida nin a vía arbitral (xa concedida) nin a vía xudicial para quen queira exercela libremente". A entidade reitera que os clientes interesados en pedir a liquidez deben cumprimentar a documentación na oficina do banco, pois quen non o fagan "serán titulares de accións de NCG Banco que actualmente non cotizan en ningún mercado".

De terse en conta o proceso arbitral, engade o banco, a recuperación media de liquidez dos afectados por estes produtos é do 84% do nominal, "a cifra máis elevada de todas as entidades con apoio público de capital". Este cálculo inclúe o resultado das arbitraxes, que permiten recuperar o 100%, os trocos e a liquidez. Pola vía arbitral, que está previsto que termine en agosto, resolveranse o 65% dos casos.

Manifestación de afectados polas preferentes en Lugo CC-BY-NC-SA BNG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.