A concesión de empréstitos a empresas e fogares galegos encadea caídas consecutivas desde 2008

Exterior dunha oficina de Novagalicia Banco © NGB

A débeda total de España supera o 360% do Produto Interior Bruto (PIB). Coa entrada do euro e a masificación dos fluxos de capital procedentes do exterior, administracións, empresas e familias elevaron o seu nivel de endebedamento de maneira dramática. McKinsey Global Institute apunta a que a converxencia española no conxunto da Unión favoreceu a redución dos tipos de xuro en ata un 40%. Foi nese momento cando o crédito empezou a ser barato. Aí, xunto coa lei do solo de 1998, empezou a medrar a burbulla inmobiliaria. A economía apalancouse.

A día de hoxe, e segundo a base estatística do Banco de España, a débeda dos fogares de todo o Estado supera os 800.000 millóns de euros. Non obstante, a taxa de morosidade das familias é considerablemente inferior á de, por exemplo, empresas inmobiliarias, con ata catorce puntos porcentuais de diferencia. No caso de Galicia, e dacordo cos datos de Novagalicia Banco (entidade dominante), a morosidade na comunidade é de apenas un 2%. A media estatal está no 7,51%. Son as empresas privadas non financeiras, predominantemente as vinculadas coa construción, as que acumulan máis débeda. En total suman un pasivo superior ao 134% do PIB español. O dobre que a débeda da administración central. O dobre que a das sociedades financeiras.

A única vez que a banca reduciu o crédito aos galegos foi durante a recesión de 1993

Esta situación, sumada á saúde dos balances financeiros, á falta de confianza entre os propios bancos e ás incertezas do futuro da eurozona están a provocar unha potente caída no crédito a conceder a pemes ou particulares en Galicia. Se se atende aos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), antes da entrada do euro o crédito concedido a empresas e familias aumentaba cada ano a un ritmo de entorno ao 10% interanual.

O punto de inflexión chegou no primeiro trimestre de 2006 cando os empréstitos aceptados víronse incrementados en case un 27% interanual. Un ano máis tarde, no primeiro trimestre de 2007, a cantidade de créditos concedidos medrou en máis de 10.000 millóns de euros respecto do mesmo mes do ano anterior.

Peche da billa

Froito dun padecemento que se fixo colectivo, a rede empresarial e de particulares de Galicia viu recortado o crédito por primeira vez no terceiro trimestre de 2010. Un mes antes, por certo, da constitución de Novacaixagalicia como caixa única galega tras a fusión de Caixa Galicia e Caixanova. Foi a primeira vez en toda a serie histórica dispoñible (desde 1988) que sucede isto na comunidade galega de xeito consecutivo. Só no último tramo de 1993, última recesión da economía española, houbo unha caída do crédito concedido aos galegos en comparación interanual.

Entre xuño e setembro de 2010 o crédito concedido polas institucións de crédito aos sectores residentes caeu en máis de 500 millóns respecto do mesmo periodo do ano anterior. Os últimos datos dispoñibles, do terceiro trimestre de 2011, poñen de manifesto que o acceso ao crédito sufriu unha restricción sen precedentes na historia de Galicia. Ata 6.400 millóns menos que o terceiro tramo de 2010. 

 

 

 

Promoción inmobiliaria © NGB

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.