0 Gardados para despois

As queixas ao Valedor polos servizos sociais aumentan un 141%

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Foi o propio Valedor quen lle entregou hoxe á presidenta do Parlamento de Galicia, Pilar Rojo, o seu Informe Ordinario correspondente ao ano 2011 que recolle cifras históricas en canto ao número de expedientes desenvolvidos. A defensoría galega tratou un total de 2947 reclamacións, 249 máis que en 2010, o que supón un incremento do 9% respecto do ano pasado.

Benigno López non obviou que a difícil situación económica, “agravada en 2012”, é a que explica que as queixas na área de servizos sociais deixaran “ben marcada a súa pegada no día a día do traballo do Valedor”. O incremento do 141% nos temas referidos aos servizos sociais converten este área na máis reclamada, por riba da de educación, con 475 queixas, e emprego público e interior, con 348. Estas dúas últimas áreas, sumadas á primeira, suman a metade de todas as investigacións levadas a cabo polo organismo.

As queixas en servizos sociais, educación e emprego público suman a metade de todas as investigadas polo Valedor 

No seu informe anual, o Valedor é moi crítico coa inaplicación da Lei de Dependencia (LD) e censura “os abundantes incumprimentos, que traen consigo que os dereitos recoñecidos nesta norma non resulten efectivos para moitos cidadáns”. “Os atrasos continúan e nalgúns casos resultan aínda máis prolongados”, destaca o documento. En total, son 171 as queixas relativas á citada LD e aos atrasos que afectan a dependentes severos e moderados, pero tamén “a non poucos grandes dependentes”. Do mesmo xeito, o Valedor censura que aínda non se teña arranxado a falta de pago “de atrasos en caso de falecemento do dependente” ou “dos atrasos aos herdeiros dos dependentes que recibiron os programas de axudas antes de que estes morresen”. Todo, destaca, malia que esta débeda xa foi recoñecida.

Para o Valedor, parte dos motivos da ineficiencia desta Lei da Dependencia non é outra que a disputa política entre gobernos central e autonómico ou, en palabras do informe, “o complexo sistema de reparto concorrente de responsabilidades materiais e sobre todo financeiras entre as diferentes administracións”. “Galicia argumenta que achega máis cartos que o Estado e o Estado argumenta o contrario”, aclara o texto, que pide solucións aos poderes públicos para evitar que “as discrepancias” sirvan “de escusa” para o cumprimento dunha lei en favor duns dependentes “que deben recibir de forma preceptiva e sen excepción os servizos previstos”.

O Valedor lamenta que as discrepancias entre gobernos central e galego sirvan de "escusa" para incumprir a Lei de Dependencia

“A atención aos dependentes debería ser tratada dunha forma moito máis dinámica, como un servizo público precisado de maior axilidade e dinamismo, con avaliacións rápidas e o establecemento de servizos tamén de forma case inmediata”, remata o Valedor, que solicita un cambio de sistema que ve “desaxustado” e “deficiente para atender de forma adecuada as necesidades da maioría das persoas dependentes”.

Ademais, e entre este aumento dun 141% nas queixas en asuntos sociais, destaca a presentación de 262 cun mesmo contido, denunciando os recortes "que afectaron ás políticas autonómicas de cooperación e desenvolvemento e axuda humanitaria".  En concreto, as reclamacións chegaron tras a aprobación de dúas ordes da Xunta que modificaban unhas anteriores nas que se establecían axudas por contías finalmente reducidas.

Por último, e ante a preponderancia da conflitividade social derivada da crise económica, o Valedor do Pobo destaca tamén o importante retroceso nas reclamacións en áreas como Obras Públicas e Expropiacións (-75%), Corporacións Locais, Servizos Municipais e Protección Civil (-35%), Sanidade (-24%) e Cultura e Política Lingüística (-27%).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Lapelas Versión despregada

“Os escándalos nalgunhas oposicións deben cortarse de raíz”

Outro dos ámbitos no que máis destacan as queixas recibidas polo Valedor do Pobo en 2011 é no que se refire aos procesos de selección de persoal por parte das administracións, en especial a recentes convocatorias do Concello de Vigo e da Deputación de Ourense. Neste caso, o informe anual é moi crítico coa “deslexitimación dos procesos selectivos da administración” provocada polos “sucesivos escándalos” , unha situación que na opinión do organismo “debe cortarse de raíz”, sobre todo “nuns momentos de crise como os que vivimos, nos que contar cun posto de
traballo permanente resulta un verdadeiro privilexio”.

“As noticias de irregularidades en oposicións fan que o sector público e en especial os seus traballadores sexan observados con receo por gran parte da sociedade, o que deslexitima a súa actual posición profesional dunha forma certamente inxusta”, insiste o Valedor, que pide ás administracións “que emenden de forma inmediata calquera irregularidade e que a súa tendencia a non reaccionar a tempo non ocasione a posible anulación de todo o procedemento”, co que se prexudicaría “a quen non tivo culpa ningunha”.

Segundo o informe, os continuos escándalos en varios procesos selectivos “resultan especialmente graves” e sinala con claridade a tres organismos públicos para “poñan especial empeño en que non se volvan repetir situacións claramente irregulares ou polo menos moi sospeitosas como as coñecidas en relación co Sergas, a Deputación Provincial de Ourense ou o Concello de Vigo”.

"Insuficiente financiamento” aos investigadores

O informe anual do Valedor do Pobo constata tamén a “escaseza de recursos” que se deixou notar en diferentes niveis da educación, aínda que desculpa a que afecta á educación obrigatoria e ao bacharelato polo “enorme esforzo da administración educativa en prol da calidade do sistema”. Segundo Benigno López, a maior parte das queixas acaban sendo “disfuncións puntuais e actuacións irregulares de repercusión moi concreta”.

No entanto, onde o informe do Valedor non é tan benévolo é no ensino universitario. Así, o documento denuncia “os efectos dun financiamento insuficiente” que provoca “un impacto máis que notorio entre o sector dos investigadores”, facendo referencia tamén no texto á situación dos traballadores do Programa Isidro Parga Pondal. Para o organismo galego, os investigadores están a sufrir unha situación de indefensión que se une aos “atrancos dos novos titulados universitarios nas súas tentativas de entrar no mercado laboral”.

Do mesmo xeito, o Valedor destaca a "impresión negativa" que coas súas queixas mostran os cidadáns sobre a actuación das entidades financeiras e anunciou que "vai explorar todas as alternativas na súa misión de salvagardar os intereses dos cidadáns" en relación á problemática das preferentes, que afecta en Galicia a entre 75.000 e 100.000 persoas. Incluso puxo en dúbida a legalidade dalgunhas normativas bancarias que resultan "moitas veces inxustas".

A Xunta, en contestación ao informe anual do Valedor do Pobo, destaca nun comunicado que xa recoñeceu no que vai de lexislatura 43.607 prestacións a dependentes, "un 311,48% máis que o goberno anterior". "O número de dependentes atendidos cuadriplicouse desde o inicio da lexislatura, e Galicia mantense como unha das poucas comunidades autónomas que segue concedendo altas e mantendo o volume de atendidos", destaca.

Ademais, o Goberno galego destaca que o 59,3% das prestacións son servizos ou prestacións económicas vinculadas, o que "pon de manifesto a aposta clara da Xunta polo cumprimento da norma e a súa prioridade pola garantía dos coidados fronte aos datos estatísticos". Tamén, a Xunta gábase da redución do tempo medio de espera cirúrxica nos hospitais galegos, dos proxectos innovadores en educación ou da aprobación do Plan anual de cooperación galega, respondendo así aos aspectos que máis critica o informe do Valedor.

A Xunta gábase da redución das queixas lingüísticas porque "demostran que o novo decreto deu resposta ás demandas de equilibrio"

Do mesmo xeito, o Goberno galego cre "importante" destacar que as queixas sobre política lingüística presentadas ante o Valedor do Pobo diminuíron un 27% o que, segundo a Xunta, "demostra que o decreto do plurilingüismo veu dar resposta ás demandas de equilibrio lingüístico da cidadanía galega".