Pemex avalía o ditame do 'tax lease' para decidir sobre os floteis

Feijóo, tras o Consello deste xoves © Ana Varela

O atraso no inicio dos traballos nos floteis da petroleira mexicana Pemex que a Xunta prometera para os estaleiros galegos xa ten xustificación. A empreza azteca estaba á espera da resolución da Comisión Europea sobre a devolución das axudas do sistema tax lease. Foi por iso polo que non se empezou aínda a cortar chapa; nin en Barreras, onde a entrada da firma americana no capital xa confirmara carga de traballo para a ría de Vigo, nin en Navantia, onde nada saben aínda do prometido buque. Así o argumentou o presidente Feijóo na rolda de prensa tras o Consello de Goberno, tras recoñecer que a firma avalía aogra o impacto da decisión da UE para adoptar "a decisión definitiva" sobre a súa entrada no estaleiro vigués, así como os xa famosos buques que prometera o Goberno galego. A carga de traballo tampouco parece agora segura.

Feijóo xustifica o atraso na chegada dos floteis na espera pola resolución do 'tax lease'

"Agora acreditamos que os problemas dos contratos de Pemex era do tax lease desde o punto de vista do inicio de corte e chapa; a empresa díxonos que empezaba a avaliar a resolución para tomar a decisión definitiva", dixo Feijóo, ao tempo que asume que agora a Xunta traballa para "acreditar" que o risco patrimonial adicional é "inexistente".

Logo de coñecerse a decisión da Comisión Europea, o conselleiro de Economía, Francisco Conde, mantivo unha xuntanza con directivos de Pemex, que advertiron de que a súa asesoría xurídica xa empezou a avaliar a resolución para medir "os riscos que poida supoñer para a empresa a participación en Barreras e os contratos dos floteis".

"Traballaremos conxuntamente con Pemex para acreditar que o risco que poida asumir é inexistente", insistiu Feijóo, que cre que tanto estaleiros como armadores quedan excluídos da devolución das axudas. "Entendemos que Pemex pode facer as súas operacións de participación de capital e construción de floteis sen risco patrimonial adicional", engadiu.

A Xunta admite agora que Pemex está reavaliando os seus proxectos en Galicia, tanto a entrada en Barreras como os floteis

"Botóuselle a culpa á Xunta de Galicia sobre o atraso nos contratos con Pemex, pero Pemex estaba pendente do tax lease", asegurou Feijóo, logo de insistir en que os contratos da petroleira mexicana "son os que eran". Non é o primeiro argumento que se emprega no Executivo galego para xustificar o atraso na chegada duns floteis, que foron prometidos hai case un ano e nos que aínda non se empezaron a traballar, nin en Vigo nin en Ferrol.

Nun principio, a Xunta tamén asegurara que os contratos destes buques de Pemex estaban asegurados, obviando unha licitación internacional que sempre confirmou a empresa mexicana. De feito, foron os propios conselleiros da petroleira as que confirmaron que a imposibilidade de Feijóo de garantir o cumprimento da súa promesa para a construción do flotel en Barreras acabou por facilitar a entrada da multinacional azteca no estaleiro vigués, do que controla o 51%.

Precisamente, e en canto ás bonificacións fiscais, o Goberno asegurara xa en novembro do ano pasado que estes buques da petroleira mexicana serían os primeiros en utilizar o novo réxime de bonificacións, ao ser barcos que operarían coa bandeira da UE. Nada se sabe aínda deles.

Feijóo pide "algún tipo de rectificación" a Almunia tras asegurar que espera que algúns "coman as súas palabras"

Por outra banda, Feijóo tamén asegurou que o naval "pode ter futuro" e insistiu en que o Executivo central presente un recorso ante o Tribunal de Xustiza Europeo de Luxemburgo. Ademais, avoga por "minimizar o impacto" das devolucións das axudas, así como arranxar "os problemas de financiamento".  

En canto ás palabras de Alumunia, que espera que os que "pintan un panorama dantesco" para o naval "coman as súas palabras", Feijóo cre que o linguaxe do comisario europeo "é impropio para un vicepresidente da Comisión Europea". Así, exixiulle "algún tipo de rectificación".

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.