O 'culebrón' de Pemex: dos 3.000 empregos á nada

Feijóo, na presentación dos contratos de Pemex © Xoán Crespo

Dez meses máis tarde, a construción dos floteis de Pemex en Galicia queda no aire. Case un ano despois daquela sinatura do acordo entre a Xunta e a petroleira mexicana, a resolución da Comisión Europea sobre o tax lease -que obriga a devolver as axudas fiscais á construción naval entre 2007 e 2011- semella poñer en perigo a colaboración entre o Goberno galego e a multinacional mexicana. O propio presidente Feijóo o recoñeceu tras o Consello deste xoves, ao asumir que a firma azteca avalía o ditame da UE para tomar unha "decisión definitiva", tanto sobre a entrada no capital de Barreras como no que se refire á construción dos dous buques que o xefe do Executivo galego prometera insistentemente para a ría de Vigo e Navantia, en Ferrol, sobre todo en plena campaña electoral.

Rodeado sempre de dúbidas e contradicións, o acordo entre Pemex e a Xunta nunca chegou a ser coñecido en detalle, algo que empresa e goberno sempre xustificaron polo "contrato de confidencialidade" que os obrigaba a non debullar as condicións do pacto. No entanto, a anunciada entrada de Pemex en Barreras, da que pretende facerse co 51% do capital, parecía confirmar a construción dos floteis na ría de Vigo, aínda que non así en Navantia, onde os traballadores seguen esperando noticias.

Malia que o 'tax lease' non debe ser devolto polos estaleiros, Pemex semella ter dúbidas agora sobre o impacto nos seus plans para Galicia

Agora, a resolución sobre o tax lease pon aínda máis atrancos no camiño, aínda que o director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, defendera hai un mes os seus plans para Galicia con independencia da decisión da UE. Daquela aseguraba que a débeda de Barreras non superaría os 30 millóns de euros aínda que o ditame fose desfavorable. O feito de que, tal e como lembra Joaquín Almunia, nin estaleiros nin armadores teñan que facerse cargo do reintegro das axudas debería clarexar o camiño, pero a petroleira estatal semella ter dúbidas e a Xunta procura demostrarlle que o risco patrimonial adicional é "inexistente".

É a última pedra nun camiño (o dos floteis) cheo de atrancos que comezou no setembro de 2012, aínda que outros acordos xa esquecidos con Pemex anunciáranse moito antes, en maio do ano pasado. O que pasou de aquí a aló resúmese nas seguintes liñas.

 

Primeiros anuncios, primeiras dúbidas

En maio de 2012, Feijóo anunciaba un acordo entre a Xunta e Pemex para constuír catorce remolcadores. Sete destas embarcacións faríanse en estaleiros galegos e outros sete en colaboración con estaleiros aztecas. Catro meses máis tarde, o presidente da Xunta solemnizaba o acordo coa petroleira nun acto a só un mes das eleccións autonómicas. Anunciouse unha operación duns 300 millóns de euros para construír dous floteis -barcos hotel auxiliares das plataformas petrolíferas- e que daría emprego a 3.000 persoas ao longo duns dous anos. A data de inicio dos traballos sitúase no primeiro trimestre de 2013, pero ningún estaleiro cortou chapa aínda.

Feijóo anunciou en maio de 2012 un acordo con Pemex que daría emprego a 3.000 persoas desde o primeiro trimestre deste ano

Tan só uns días despois, Pemex deixaba en evidencia á Xunta logo de negar que asinase contrato ningún con estaleiros galegos, tal e como anunciara a Xunta. O director xeral da compañía, Juan José Suárez Coppel, nega que os contratos sexan firmes, aclárase que foron asinados cunha filial e que a concesión dos traballos deberá pasar por unha licitación internacional da que o Goberno galego nunca falara. Feijóo deféndese asegurando que, aínda que as compañías galegas non fosen gañadoras, os buques fabricaríanse igual e serían ofrecidos ao mercado, pero Pemex tampouco o confirma. Un conselleiro da petroleira recoñece en Praza que a compañía "non está amarrada a ningún contrato cos estaleiros galegos".

Pemex nega que a construción dos floteis estea asegurada

Entre as críticas de sindicatos e oposición pola opacidade e os desmentidos de Pemex sobre os acordos coa Xunta, Feijóo, en plena campaña electoral, ratifica a vixencia dos contratos coa axuda da SEPI, pero négase a ensinar os documentos. Mentres, en México a petroleira segue negando moitos dos pactos dos que falaba o Goberno galego, incluída a construción de remolcadores. No propio programa electoral, o PPdeG recoñece que a construción dos buques "aínda se está a negociar".

Feijóo admite en abril, case un ano despois do primeiro anuncio, que os floteis e os remolcadores dependen dun concurso

Pasadas as eleccións e logo de que Feijóo revalide a maioría absoluta, Pemex insiste en que os estaleiros galegos competirán con outras empresas para lograr os contratos e que se non gañan o concurso, a súa construción non é segura. Semanas despois e entre novas críticas da oposición e dos traballadores dos estaleiros, o presidente da Xunta pide á petroleira mexicana máis tempo para que Barreras consiga os avais que lle permitan asumir a construción dos buques. En abril, Feijóo admite que os contratos da flota menor de Pemex tamén dependen dun concurso, ao igual que os floteis.

Pemex anuncia a compra de Barreras

A finais de abril, a mexicana Pemex anuncia que pretende facerse co control de Barreras. Converteríase no accionista maioritario do estaleiro galego ao se facer co 51% do seu capital e o acordo inclúe a construción de dous floteis nas instalacións viguesas, o que deixa no aire as promesas para Navantia. Tan só uns días despois, un conselleiro da petroleira mexicana confirma a promesa incumprida de Feijóo sobre os floteis facilitou a entrada da empresa no estaleiro vigués, xa que era "imposible asegurar que os floteis se fosen construír en Galicia", ao contrario do que prometera a Xunta e aclara que "o de Navantia aínda non está resolto".

Pemex recoñece en maio que a promesa incumprida de feijóo facilitou a entrada da empresa en Barreras

A oposición e os sindicatos amosan as súas dúbidas sobre a entrada de Pemex en Barreras, aínda que o estaleiro vigués destaca o positivo dunha nova que asegura tamén carga de traballo inmediata polos floteis e máis encargos no futuro. Mentres, os traballadores seguen lamentando a falta de noticias sobre un buque que empezarían a construír no primeiro trimestre de 2012, tal e como tamén asegurara o Goberno central.

Cinco meses despois, a resolución da Comisión Europea sobre o tax lease volve poñer en perigo a colaboración entre o Goberno galego e a multinacional mexicana. O propio presidente Feijóo asume que a firma azteca avalía o ditame da UE para tomar unha "decisión definitiva", tanto sobre a entrada no capital de Barreras como no que se refire á construción dos dous buques que o xefe do Executivo galego prometera insistentemente para a ría de Vigo e Navantia, en Ferrol. Máis dúbidas para uns acordos que nunca estiveron claros e que, por desgraza, aínda non trouxeron traballo para os milleiros de operarios que nas rías galegas seguen esperando.

 

 

Corte simbólico de chapa nunha protesta do naval ferrolán © @BeatrizSestayoD

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.